O Galeúsca reivindica a importancia da tradición oral para garantir o futuro das linguas minorizadas
O Galeúsca reivindica a importancia da tradición oral para garantir o futuro das linguas minorizadas
O encontro Galeúsca, que reúne as asociacións de escritores e escritoras en lingua galega, catalá e vasca, celebrou en Santiago a súa 41ª edición.
O encontro rematou coa lectura dun manifesto no que as asociacións participantes condenaron o xenocidio en Gaza.
Bersolaris, glossadors e regueifeiras. A tradición da literatura oral en éuscaro, catalán e galego protagonizou o encontro Galeúsca, que reuniu en Santiago as asociacións de escritores e escritoras de Galicia, Cataluña e o País Vasco.
"Queriamos tamén nós apoiar o que significa o ano das cantareiras e facelo extensivo a outras formas de creación, aínda que son realidades moi distintas. Os bersolaris teñen escolas e hai campionatos que reúnen dez ou quince mil persoas. Os cataláns teñen outra forma, que son os repentistas, os glossadors. Queriamos afirmar o papel da muller como sotén da literatura de tradición oral na Galiza", asegura o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
A regueifeira Alba María, que interveu no peche do encontro, reivindicou a importancia da tradición oral máis alá do xénero da regueifa.
"Ademais da regueifa existen outros xéneros de improvisación oral, como por exemplo o brindo, que se fai na zona dos Ancares e do Courel, ou a loia, que tamén se fai por esa zona. É importante reivindicalos ao non sobrevivir a sociedade que os alimentaba e ao non pasaren de rito a espectáculo, como a regueifa", explica Alba María.
Para manter viva e renovar a tradición, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega creou en Lugo un obradoiro de literatura oral, que pretende converter agora nunha escola estable.