Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump ordena liberar arquivos gobernamentais sobre ovnis e vida extraterrestre

Trump ordena liberar arquivos gobernamentais sobre ovnis e vida extraterrestre

A acción involucrará o Departamento de Guerra e outras axencias federais

Donald Trump, antes de subir ao Air Force One (REUTERS/Evelyn Hockstein) Donald Trump, antes de subir ao Air Force One (REUTERS/Evelyn Hockstein)
G24.gal 20/02/2026 08:28

O presidente dos Estados Unidos Donald Trump anunciou este xoves que instruirá varias axencias do Goberno para identificaren e liberaren arquivos relacionados con obxectos voadores non identificados, fenómenos aéreos non identificados e posibles formas de vida extraterrestre.

Trump indicou na súa conta de Truth Social que a medida buscará recompilar e facer públicos documentos sobre asuntos considerados altamente complexos, pero extremadamente interesantes e importantes.

A acción involucrará o Departamento de Guerra e outras axencias federais e busca transparentar información que durante décadas xerou especulación sobre fenómenos aéreos non identificados e posibles formas de vida extraterrestre, segundo ampliou o mandatario.

As declaracións de Trump prodúcense tras os comentarios de Obama nun pódcast do xornalista Brian Tyler Cohen, en que o expresidente aceptou responder a unha rolda de preguntas rápidas sobre vida extraterrestre.

Ante a consulta sobre se os extraterrestres son reais, Obama afirmou: "Son reais, pero eu non os vin", e aclarou que non existen instalacións secretas baixo terra, salvo que houbese unha enorme conspiración que mesmo ocultase información ao presidente de Estados Unidos.

Trump criticou esas palabras e asegurou aos reporteiros a bordo do Air Force One que Obama deu información clasificada e cometeu un grave erro.

Ao mesmo tempo, subliñou que el mesmo descoñece se os extraterrestres son reais, pero defendeu a necesidade de recompilar e facer públicos documentos gobernamentais relacionados con Ovnis, UAP e posibles formas de vida extraterrestre.

O expresidente Obama posteriormente precisou en Instagram que durante a súa presidencia non viu probas de contacto con extraterrestres, aínda que sinalou que, dado o vasto do universo, é probable que exista vida máis aló da Terra.

As súas declaracións reavivaron o debate público sobre a transparencia gobernamental e a existencia de fenómenos aéreos non identificados.

O interese por estes temas ten precedentes históricos: en 2013, a CIA desclasificou documentos que confirmaban a existencia da base militar Área 51, creada por orde do presidente Dwight Eisenhower na década de 1950 para probas do avión espía U-2. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade