"Sirat"e "Romería" proxectáronse este sábado no festival de Donostia
Oliver Laxe participou nun coloquio sobre o filme que representará a España nos Óscar
Carla Simón levou Romería á sección Made in Spain
O equipo de Sirat tivo hoxe un encontro co público no festival de Donostia. Foi unha das últimas proxeccións antes de embarcar cara aos EUA, o filme estréase alí en novembro con vistas á promoción dos premios Óscar aos que está proposta como representante española.
As dúas películas do cinema galego máis exitosas desta temporada proxectáronse este sábado na sección Made in Spain no festival de Donostia. Por unha banda, Romería, de Carla Simón, participada pola Televisión de Galicia e rodada na ría de Vigo e, pola outra, Sirat, de Oliver Laxe, a flamante finalista e representante española con vistas á carreira dos Óscar.
Donostia réndese ao cine feito en Galicia e por galegos. A película Romería presentouse na sección Made in Spain. O filme da directora Carla Simón conta a historia de amor de dous mozos baseándose na vida dos seus pais.
"A película foi un ensaio para o de agora. Empezar a falar con moita xente coa que non te atoparías nunca ou que de repente teñas unha cámara diante. Penso que nos foi ben, que tiveramos un ano de volver coa nosa familia e coa nosa xente", explicaba Llúcia García, actriz que fai de Marina na película.
E tamén este sábado pola tarde o equipo de Sirat, a película do director galego Oliver Laxe e acabada de elixir como candidata aos Óscar por España, participou nun coloquio sobre o filme protagonizado, por Sergi López.
"'Sirat' é como unha masaxe, hai veces que quedas doído pero despois pasan os días e aparecen novas sensacións. Nese sentido estou aprendendo moitísimo. E tamén a vinculación entre a arte e a terapia. Creo que 'Sirat' ten algo terapéutico. Así nolo destacaron moitos psicoanalistas e hai algo aí que fai que a xente mire dentro. A película está crecendo, noutros países, está tendo moita repercusión na industria a medida que avanza nos festivais, que a prensa escribe sobre ela. Está sendo incrible", asegurou Laxe.
Pedro Almodóvar arroupou a Oliver Laxe na presentación de Sirat, unha película coproducida pola produtora dos irmáns Almodóvar.