O faro de Mera, a imaxe televisiva da eclipse en Galicia para o mundo
O enclave de Oleiros oi o lugar escollido pola CSAG para a retransmisión da eclipse solar total que este mércores puido verse na comunidade galega
A contorna do faro de Mera, no concello coruñés de Oleiros, foi o lugar escollido pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) para a retransmisión televisiva da eclipse solar total que este mércores puido verse na comunidade galega.
Decenas de persoas concentráronse nas inmediacións do faro desde horas antes do inicio deste fenómeno atmosférico, que congregou a unha importante cantidade de visitantes atraídos pola posibilidade de vivir en primeira persoa a primeira eclipse desta magnitude en máis dun século.
Mochilas, cadeiras portátiis, esterillas, toallas, bolsas de comida e bebida, lentes e protector solar estiveron entre os aveños máis socorridos para un plan que permitiu aos presentes gozar do evento en excelentes condicións de visibilidade e nunha contorna natural privilexiada, entre os cantiis graníticos do Golfo Ártabro.
Na liña do horizonte, a escasos quilómetros e algo difusa por efecto dalgunhas nubes baixas e a bruma mariña, divisábase a cidade da Coruña; coa torre de Hércules, o faro máis antigo de Europa, erguéndose en perpendicular sobre o océano Atlántico.
Apenas superadas as sete e media da tarde, a circunferencia da Lúa no ceo comezou a tapar a dun Sol xa en declive, pero aínda nun punto o suficientemente alto como para apreciar ao detalle este acontecemento.
Enseguida se escoitaron exclamacións de admiración entre os presente, que rompeu en aplausos cando ás 20:26 horas o fenómeno chegou á súa totalidade.
Un sol negro, cunha coroa radiante ao seu redor, brillou durante apenas un minuto no ceo, sumindo na penumbra á cidade baixo os seus pés."É precioso", escoitouse entre o xentío.
Pasado o momento culmen regresaron, despois de apagarse por un momento, os graznidos das gaivotas, que volveron a alzar o voo desde os cantiis para completar unha postal que, como se escoitou gritar nalgún instante, esta vez en italiano, será "inesquecible" para moitos.
Aínda que a traxectoria da Lúa seguiu cruzándose coa do Sol durante preto de media hora máis foron moitos os que abandonaron o lugar apenas uns instantes despois de terminar o lapso de totalidade; temerosos das retencións e do tráfico na volta a casa.