O exército denunciará o sorteo dunha prostituta nun chat de militares
O obxectivo era recadar fondos para as festas da compañía, que se celebran neste día da Inmaculada
O ministro do Interior táchao de barbaridade e a alcaldesa de Barcelona esixe unha investigación urxente

O Exército de Terra levará á Fiscalía o chat duns 70 militares do cuartel de El Bruc de Barcelona no que presuntamente se sorteaban os servizos dunha prostituta para recadar fondos para as festas da compañía, que se celebran neste día da Inmaculada.
Fontes do Ministerio de Defensa aseguraron que non teñen constancia formal das conversacións contidas nese grupo de Whatsapp, do que informou a periódico Ara, porque non é un chat oficial da unidade.
As fontes do Ministerio de Defensa consultadas aseguraron que o exército poñerá "de forma inmediata" os feitos en coñecemento da Fiscalía de Cataluña, ao entender que o contido do chat pode atentar "contra os valores da institución".
O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska tachou este xoves de "barbaridade" o ocorrido.
"Paréceme algo, se fose así, absolutamente rexeitable e alleo ao que debe ser o comportamento de calquera persoa, e máis se se é funcionario", sinalou o titular de Interior.
Pola súa banda, a alcaldesa de Barcelona Ada Colau expresou a súa "indignación" pola información e esixiu ao Estado "unha investigación urxente" que permita depurar responsabilidades polo sucedido.
Como "muller e alcaldesa dunha cidade orgullosamente feminista", Colau reclamou un "cambio profundo (educativo, con formacións regulares e con regulamentos actualizados) para que ese tipo de actitudes non teñan cabida en ningunha institución pública, xa que o mínimo esixible é que se respecten os valores democráticos que nos teñen que representar a todos e todas".