O exalcalde pedáneo de Bembrive acepta 1 ano e 9 meses de cárcere na súa cuarta condena por corrupción
O exalcalde pedáneo de Bembrive acepta 1 ano e 9 meses de cárcere na súa cuarta condena por corrupción
Ballesteros está actualmente en prisión, cumprindo condena de dous anos e dous meses por prevaricación, falsidade documental e malversación de fondos públicos

O exalcalde pedáneo de Bembrive (Vigo), o socialista Roberto Ballesteros, aceptou este mércores a pena de 1 ano e 9 meses de prisión nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, na cuarta causa por delitos de corrupción na que se ve involucrado Ballesteros.
Ballesteros está actualmente en prisión, cumprindo condena de dous anos e dous meses por prevaricación, falsidade documental e malversación de fondos públicos, os mesmos delitos polos que foi acusado neste procedemento.
Nesta ocasión, atribúese ao exalcalde pedáneo e dous responsables dunha empresa construtora (había outro acusado no banco, a iniciativa da acusación popular, pero retirouse a acusación e resultou absolto) a elaboración de facturas mendaces en relación a obras e actuacións que, ou ben non levaron a cabo por esta empresa, ou ben se facturaron con sobrecusto.
Tras o acordo, e coa aplicación da atenuante de dilacións indebidas, Ballesteros aceptou un ano e 9 meses de cárcere como autor dos delitos de continuados de malversación de fondos públicos, prevaricación e falsidade documental. Igualmente, impúxoselle unha pena de inhabilitación para cargo público durante 2 anos e medio.
Con respecto aos outros dous acusados, un deles, José Q.G., foi condenado a 1 ano e medio de prisión e 2 anos e un día de inhabilitación como autor dun delito continuado de falsidade documental e como cooperador necesario no delito de malversación.
Mentres, Manuel C.F. foi condenado, polos mesmos delitos, á pena de 1 ano e 1 día de prisión, e inhabilitación por dous anos e un día.
No caso destes dous acusados, o tribunal acordou suspender a execución da pena por un período de 5 anos, coa condición de que non delincan nese tempo e de que paguen a responsabilidade civil: unha indemnización de 38.407,03 euros para a Entidade Local Menor de Bembrive, da que deberán responder solidariamente todos os procesados.
Condenas previas
Roberto Ballesteros xa foi condenado en 2017 a 7 anos de inhabilitación por retirar de forma ilegal as atribucións dos vogais do PP na Xunta Veciñal. En abril de 2021 foi condenado a dous anos e 2 meses de cárcere e 7 anos de inhabilitación por falsidade, malversación e prevaricación, polo pago de obras que non se executaron.
En 2022, nunha terceira causa, o exalcalde pedáneo aceptou nunha vista de conformidade outros 9 anos de inhabilitación pola adxudicación a dedo de varias obras, por valor de case 800.000 euros.
Dáse a circunstancia de que o alcalde pedáneo que substituíu a Ballesteros, o tamén socialista Marcos Castro, foi tamén condenado a 12 anos de inhabilitación por prevaricar na subministración de sidra para a Festa da Sidra dos anos 2019 e 2020.