O europeísta Robert Golob gaña de forma moi axustada as eleccións en Eslovenia
Con este resultado, a formación de Golob tería 29 escanos, mentres que o Partido Democrático Esloveno (SDS) de Jansa contaría con 28
O novo Parlamento contará con sete formacións políticas, entre elas a conservadora Nova Eslovenia (NSi), que podería ser clave para Jansa con arredor do 9,3 % dos votos e nove escanos
REUTERS/Antonio Bronic
O primeiro ministro de Eslovenia, o europeísta Robert Golob, gañou de forma moi axustada as eleccións lexislativas deste domingo nunha xornada marcada por unha elevada participación e unha presunta inxerencia estranxeira durante a campaña. Segundo o reconto do 99,73% dos votos, o Movemento pola Liberdade de Golob sumou o 28,58 %, mentres que o trumpista Janez Jansa quedou moi preto, cun 28,10 %, nun resultado moi axustado que reflicte a polarización do país.
Con este resultado a formación de Golob tería 29 escanos, mentres que o Partido Democrático Esloveno (SDS) de Jansa contaría con 28. O resultado confirmou a remonta dos últimos días que permitiu a Golob vencer a un Jansa que partía como favorito, aínda que ambos os bloques quedaron case empatados e sen maioría absoluta no Parlamento de 90 escanos.
A campaña estivo marcada por acusacións dunha suposta operación de desinformación orquestrada por exaxentes de intelixencia israelís con presuntos vínculos coa contorna de Jansa, un escándalo que sacudiu o país antes da votación e que o propio Golob denunciou como unha inxerencia estranxeira.
Golob, que gobernou desde 2022 á fronte dun tripartito de centroesquerda xunto a Socialdemócratas e a Esquerda, buscou converter a votación nun plebiscito sobre a soberanía nacional e a defensa da democracia fronte a inxerencias e campañas suxas.
"Agradezo a todos os que foron ás urnas, xa que destes o voso voto pola democracia", declarou Golob aos seus simpatizantes o domingo á noite. O primeiro ministro augurou unhas duras negociacións para formar goberno pero, asegurou: "O único que non se negociará é a nosa soberanía", en alusión á inxerencia na campaña.
A elevada participación, do 69 %, tradicionalmente favorable en Eslovenia ás forzas progresistas, parece ser determinante para a vitoria de Golob. O escándalo estalou tras a difusión na recta final da campaña de gravacións secretas que apuntaban a presuntos casos de corrupción e clientelismo na contorna do Goberno, pero que posteriormente foron atribuídas a unha operación encuberta para as eleccións.
As contradicións de Jansa sobre os seus contactos coa empresa israelí de espionaxe Black Cube acabou prexudicando o veterano político próximo ao líder ultranacionalista húngaro Viktor Orbán e admirador de Donald Trump. Jansa declarou o domingo pola noite que non tentaría formar goberno se Golob vencía.
Un parlamento fragmentado
O novo parlamento contará con sete formacións políticas, entre elas a conservadora Nova Eslovenia (NSi), que podería ser clave para Jansa con arredor do 9,3 % dos votos e nove escanos. Tamén lograron representación os Socialdemócratas (6,7 %, seis escanos) e a Esquerda (5,3 %, ) e o partido Demócratas (6,6 %, seis escanos), que descartou apoiar a ambos os candidatos principais.
A irrupción da formación euroescéptica Resni.ca, cun 5,5 % e cinco escanos, pode ser determinante na futura gobernabilidade. Nesta liña, Golob perfílase como o principal aspirante a formar goberno, aínda que deberá negociar unha complexa coalición nun parlamento fragmentado, coa xa bautizada maioría 3+1 cos seus socios actuais e Resni.ca, como unha das posibles fórmulas. O resultado supón un duro revés para Jansa, que aspiraba a regresar ao poder e que denunciou irregularidades e acusou as institucións de favoreceren o Goberno.
Golob, que xa gobernou en coalición tras a súa vitoria anterior, aspira agora a converterse no primeiro xefe de goberno esloveno en lograr repetir mandato desde a independencia do país en 1991 desta antiga república iugoslava que forma parte da Unión Europea (UE) desde 2004. O primeiro ministro impulsou na última lexislatura un programa de claro contido social e, entre outras medidas, legalizou o matrimonio igualitario, mentres que no terreo internacional Eslovenia foi un dos gobernos europeos en recoñecer a Palestina como Estado.