O empresariado galego prevé que os prezos da enerxía non baixarán ata 2023
O presidente da CEG prevé que a recuperación económica real vai demorarse ata 2024
Juan Vieites cuestiona ligar salarios coa suba do IPC e di que é necesario un pacto de rendas
Altos prezos da enerxía e das materias primas, unha inflación situada no 10,8 % e unha fiscalidade que non se modera son factores que, para Juan Vieites, están a facer que as empresas perdan competitividade.
Sobre as medidas enerxéticas do Goberno, o presidente dos empresarios galegos di que son intervencionistas, pero que non se abaratarán os prezos de luz e combustibles ata 2023:
"Os custos da enerxía, por moito que se estea a falar, despois do verán van seguir subindo. Ademais, non pararán ata a primavera de 2023 e despois a recuperación ou iso que se falaba antes dos brotes verdes, iso ata parte de 2024, no segundo semestre, aí poderiamos ter algunha boa noticia".
Vieites apela a unha receita recorrente entre os empresarios: a moderación salarial. Considera que un pacto de rendas é fundamental para evitar a espiral inflacionista:
"Ao unir nos convenios colectivos o incremento salarial co IPC, incluso con cláusula de revisión salarial, ao final estamos incrementando a inflación cada vez máis e iso repercute de maneira inmediata entre todos".
O presidente da CEG considera oportuna a reapertura temporal da central térmica das Pontes e cuestiona que se pechara "de hoxe para mañá" no seu momento. Pero matiza que esa medida non deben demorar a transición enerxética cara ao futuro nin os investimentos que fan as empresas nese sentido.