O duelo entre os irmáns Kurucs marca o Breogán-Baskonia
As escasas opcións do Breogán de sacar un billete para a Copa pasan por dobregar o Baskonia, o equipo que nestes momentos defende a oitava praza
Apenas 48 horas despois de poñer contra as cordas ao Joventut en Badalona, o Río Breogán afronta este luns outro xigantesco desafío ante o Baskonia, que visita o Pazo Provincial de Lugo no seu mellor momento do curso, con tres vitorias nos seu últimos catro partidos ligas.
A derrota ante a Peaa afastou un pouco máis ao Breogán da Copa. As súas escasas opcións de sacar un billete para o Roig Area pasan por dobregar mañá ao Baskonia, o equipo que nestes momentos defende a oitava praza. Separados por unha vitoria, aínda que o conxunto vitoriano disputou un partido menos, o triunfo é fundamental para que os lucenses cheguen con opcións ao mes de xaneiro.
O duelo de mañá será especial para os irmáns Kurucs. O maior deles, Rodions, chegou o pasado verán ao Buesa Area tras despuntar no UCAM Murcia. O pequeno, Arturs, é o segundo xogador máis utilizado por Luis Casimiro no que vai de tempada. O exbaskonista promedia algo máis de 22 minutos por encontro, un rexistro que só mellora o estadounidense DeWayne Russell (23:02).
Este encontro, correspondente á décimo terceira xornada da liga Endesa, comezará ás 20:00 horas no Pazo Provincial de Lugo.