Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta busca a camiseta que Madonna vestiu no concerto de Balaídos de 1990

O Celta busca a camiseta que Madonna vestiu no concerto de Balaídos de 1990

A presidenta, Marián Mouriño, publicou este mércores unha carta dirixida á artista norteamericana coa intención de localizar a peza, coa intención de incorporala ao arquivo histórico do club

G24.gal 04/03/2026 12:21 Última actualización 04/03/2026 12:41

Operación atopar a camiseta do Celta que Madonna luciu sobre o escenario no seu concerto en Balaídos o 29 de xullo de 1990. O club celeste publicou este mércores unha carta aberta da súa presidenta, Marián Mouriño, dirixida á raíña do pop coa intención de localizar esa peza. 

“A túa imaxe coa nosa camiseta converteuse nun mito e forma parte da historia do Celta que tamén se escribe fóra do terreo de xogo. Moitos ven en todo isto unha simple anécdota, pero a min gustaríame pensar que nada sucede por casualidade”, escribiu a máxima dirixente do equipo vigués.

Marián Mouriño lembra que a do seu club non foi “a única” camiseta de fútbol que vestiu a artista sobre un escenario, pero esa imaxe comezou “a brillar doutra forma co paso dos anos”.

“Porque entendemos mellor o que defendías naquel momento: cuestionar o establecido e facer fronte a quen pretende dicirche o que podes ou non podes facer. No club que presido recoñecémonos nesa maneira de estar no mundo”, indicou a máxima accionista do Celta na súa misiva.

Por iso, Mouriño traslada á artista a súa “ilusión” por atopar aquela camiseta que luciu en Balaídos: “Non é un capricho; é un acto de memoria, é patrimonio emocional do noso club”.

A presidenta tamén avanza que este venres o celtismo dedicaralle “un xesto de agarimo” a Madonna antes do partido de Liga contra o Real Madrid en Balaídos.

O Celta revela que levaba “anos” a buscar a camiseta “en privado”, pero a investigación “estancouse”. Por iso, “trinta e seis anos máis tarde”, o club lanza un chamamento a todo o celtismo “co obxectivo de localizar a camiseta, coa intención de incorporala ao seu arquivo histórico”.

“Para o Celta, trátase dunha peza única e irrepetible que forma parte do seu patrimonio emocional”, apunta no seu comunicado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar