Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Peñíscola-Noia remata cunha pelexa salvaxe entre xogadores e con afeccionados implicados

O Peñíscola-Noia remata cunha pelexa salvaxe entre xogadores e con afeccionados implicados

Agora será a Federación quen estude unha posible sanción ao Servigroup Peñíscola

G24.gal 04/03/2026 11:51 Última actualización 04/03/2026 12:06

O partido que enfrontou este martes ao Servigroup Peñíscola FS co Noia Portus Apostoli, correspondente á xornada 18 de Primeira División, terminou cunha pelexa entre xogadores de ambos os equipos e con participación de afeccionados que saltaron á pista. Tal e como recolle a acta do colexiado Carlos Rodrigo Miquel, unha vez terminou o partido, o xogador do Peñíscola Diego Sancho e o do Noia Tiago Manuel Macedo encerelláronse nunha discusión na que terminou participando o tamén xogador do equipo peñiscolano Juan Carlos Sánchez.

Nese momento, Macedo recibiu unha puñada no que foi o inicio dunha pelexa na que se uniu Gio González, xogador do Peñíscola, quen lanzou unha patada ao propio futbolista do Noia. A acta engade que xusto despois, “unha persoa da bancada” saltou á pista e lanzou “dúas puñadas” a Macedo, “impactando no seu corpo o primeiro de eles”.

Tras varios minutos de tumulto produciuse outro salto dun afeccionado desde a bancada, que propinou “unha patada cara a un integrante do equipo visitante sen poder identificar a quen golpea”.

Rodrigo Miquel terminou expulsando a Juan Carlos Sánchez e a Macedo. Na acta oficial, o colexiado destaca “o apoio en todo momento e a axuda do presidente do equipo local, seguridade do equipo local e forza pública”.

Ademais, destaca que sobre a pista “había moitas persoas sen identificar debido á actuación da seguridade privada do club, Garda Civil e Policía, ademais de directivos de ambos os equipos”.

Agora será a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) quen estude unha posible sanción ao Servigroup Peñíscola FS. O partido, que se debeu disputar o pasado 14 de febreiro pero que foi aprazado pola alerta meteorolóxica que afectou á provincia de Castelló, terminou con vitoria por goleada para o Noia (1-6)

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos