Desarticulada unha banda que distribuía drogas en Noia a través de drons
A Garda Civil detivo dez persoas, sete delas ingresaron xa en prisión
A operación permitiu desarticular tres puntos de distribución de estupefacientes na localidade coruñesa
A Garda Civil desarticula tres puntos de venda de droga en Noia e detén dez persoas, sete das cales ingresaron en prisión. A operación Falcone permitiu desmantelar unha rede dedicada ao tráfico de estupefacientes que era abastecida por dúas persoas asentadas en Cambados. A organización utilizaba drons para distribuír doses de droga entre os consumidores
A investigación, desenvolvida durante máis de cinco meses polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Noia, iniciouse tras detectar un incremento da criminalidade na zona e localizar varios puntos de venda de substancias estupefacientes.
As pescudas permitiron determinar que os tres establecementos investigados, que inicialmente parecían funcionar de xeito independente, estaban conectados e operaban de forma coordinada, con actividade continuada e clientes procedentes tanto de Noia como de localidades próximas.
As actuacións permitiron identificar os integrantes da rede e determinar que a subministración de cocaína procedía de dúas persoas residentes en Cambados que abastecían periodicamente os vendedores de Noia.
A rede utilizaba drons para realizar entregas de doses de droga a consumidores, un método co que os investigados pretendían dificultar a detección da súa actividade por parte das Forzas e Corpos de Seguridade, segundo a portavoz da Garda Civil, Lola Amado.
Cinco meses de pescudas para desmantelar esta organización
A operación desenvolveuse en dúas fases. Na primeira, a Garda Civil detivo tres persoas no marco dunha actuación relacionada co transporte de droga desde Cambados ata Noia. Interviñeron aproximadamente 200 gramos de cocaína e 1.900 euros en efectivo. Ademais, durante un rexistro domiciliario localizaron outras cantidades de cocaína preparadas para a súa distribución e material relacionado coa actividade investigada.
Dous días despois levouse a cabo a segunda fase, que concluíu coa detención doutras sete persoas e a realización de tres rexistros domiciliarios en Noia. Neles incautáronse de diversas substancias estupefacientes, entre elas cocaína, marihuana e haxix, alén de material destinado á manipulación e distribución da droga e numerosos dispositivos electrónicos.
Con esta operación, a Garda Civil dá por desarticulados os tres puntos de venda de droga identificados en Noia e detén as persoas presuntamente responsables tanto da súa distribución como do abastecemento de cocaína.
No dispositivo de explotación participaron efectivos da Garda Civil da Coruña xunto con persoal de seguridade cidadá e investigación da Compañía de Noia.
A investigación estivo dirixida polo Tribunal de Instancia de Noia, que decretou o ingreso en prisión provisional de sete dos dez detidos. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.