Queda en liberdade o dono do taller de Narón onde se produciu un escape masivo de monóxido de carbono
Queda en liberdade o dono do taller de Narón onde se produciu un escape masivo de monóxido de carbono
O home, que estaba en busca e captura, foi detido no lugar do suceso
O taller, en que tres persoas resultaron feridas, segue precintado
O taller mecánico da estrada de Castela, na Xuvia, segue precintado. Alí, o sábado pasado, pouco antes das tres e media tarde, o xerente do negocio e dúas persoas máis resultaron feridas tras un escape masivo de monóxido de carbono.
"Un deles deuse conta cando caeron os compañeiros e tivo a posibilidade de sacalos fóra e pedir auxilio. Nós achegámonos ata alí con dous vehículos e cinco efectivos. Preguntando polo acontecido nos comentaron que a causa fora un xerador que tiñan conectado en horas de traballo", explica David Esclusa, sarxento dos bombeiros de Narón.
Cando accederon ao interior do taller os bombeiros de Narón comprobaron que os detectores de gases daban valores que superaban amplamente o limiar permitido.
Ata non ter claras as causas da intoxicación, os servizos de emerxencias optaron por desaloxar as dúas vivendas que hai enriba do negocio.
"Por precaución e mentres realizabamos a medición de gases. E unha vez que confirmamos que non había afectación aos andares superiores, xa puideron regresar aos seus fogares", engade Esclusa.
Ao lugar desprazáronse tamén efectivos da Policía Nacional que prenderon ao propietario do taller porque tiña unha orde de busca e captura previa. Este domingo, tras pasar á disposición dos Xulgados de Ferrol, quedou en liberdade por un tema de apropiación indebida.