Publicador de contidos

Publicador de contidos

O dono de Sargadelos pide a Besteiro "situarse fóra da propiedade" mentres facía declaracións

O dono de Sargadelos pide a Besteiro "situarse fóra da propiedade" mentres facía declaracións

"Bos días, podería situarse fóra do terreo? Digo se podería situarse fóra do terreo da propiedade", espetoulle García a Besteiro. "Poña un marco e diga propiedade privada", respondeulle o líder socialista.

Inspección cita o día 13 ao xefe da compañía para que achegue "diversa documentación", segundo o propio Segismundo García, que non acudirá
 

Momento de tensión entre Besteiro e García ás portas de Sargadelos (PsdeG-Europa Press)
G24.gal 30/04/2025 15:09 Última actualización 30/04/2025 19:35

O propietario de Sargadelos, Segismundo García, interrompeu este mércores unhas declaracións que facía á prensa o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para pedirlle se "podía situarse fose do terreo da propiedade" da compañía, ás portas da fábrica de Cervo.

"Bos días, podería situarse fóra do terreo? Digo se podería situarse fóra do terreo da propiedade", espetoulle este mércores Segismundo García a Besteiro durante as palabras que este ofrecía aos xornalistas. "Poña un marco e diga propiedade privada", respondeulle o líder socialista.

Nese momento, García insiste en que salga "fóra da propiedade" e Besteiro, xunto aos seus acompañantes, dá un paso cara a adiante, preguntando se "aquí" están "ben". "Aí están moi ben", resolve o dono da empresa mentres marcha dándolle as grazas.

Acompañado por representación municipal socialista da Mariña lucense (Alfoz, Barreiros, Cervo, Burela, Foz, Mondoñedo, Ourol, Vicedo, Viveiro e Xove), Besteiro referíase nese momento ao acordo alcanzado pola Xunta con Segismundo García para poñer fin á situación que mantivo ao persoal de produción xusto nese lugar, fóra da factoría, no medio do pulso que o administrador único da compañía mantén coa Inspección de Traballo.

Citación para o día 13

Unha Inspección de Traballo que, precisamente, citou para o vindeiro martes 13 a "unha representación" da empresa para que achegue "diversa e variada documentación". Diso informa o propio García a medios de comunicación aos que remite o escrito co que contestou ao requirimento da autoridade laboral.

Nese escrito, o administrador único da emblemática firma de cerámica escusa a súa asistencia ao alegar que "precisamente o 13 de maio a dirección desta empresa celebra un consello de dirección para propoñer as medidas oportunas en relación ao acoso" ao que considera que se ve sometido por parte da Inspección.

Inspección de Traballo mantén aberto un expediente laboral a Sargadelos por deficiencias en materia de seguridade na fábrica de Cervo que causaron que dúas traballadoras desenvolvesen silicoses.

Así as cousas, Sargadelos ten un prazo de seis meses -a contar desde a notificación- para emendar boa parte das melloras, aínda que será flexible -desde que dispoña do visto e prace por parte de Patrimonio- para actuacións que afecten o edificio, catalogado como ben de interese cultural (BIC).

Besteiro reclama a continuidade dos postos de traballo

Nas declaracións, o secretario xeral do PSdeG esixiu garantías para o emprego en Sargadelos, ao subliñar que o apoio público "non pode ser un cheque en branco" e "ten que ir vinculado á continuidade dos postos de traballo".

A semana pasada, a compañía comunicou o despedimento de tres traballadoras, que teñen un prazo de 20 días para denunciar unhas saídas que sindicatos como a CIG consideran "nulos", polo contexto no que se produciron.

Acompañado pola secretaria de organización do partido, Lara Méndez, Besteiro lembrou que Sargadelos é "máis que unha fábrica" e cualificouno de "patrimonio de Galicia".

Por iso, reclamou ao presidente da Xunta que aclare "que tipo de acordo ten coa empresa" e que faga público ese compromiso. Tamén incidiu en que o Goberno galego ten competencias en industria, patrimonio cultural e saúde laboral e instoulle a actuar "con coherencia e con sentido".

O pulso do empresario á Inspección

No novo escrito dirixido á Inspección de Traballo, Segismundo García refírese ao requirimento de comparecencia e achega de documentación en Lugo.

Sinala que esa documentación está "clasificada e ordenada nas oficinas" de Sargadelos e afirma entender "o amolo de que alguén" da Inspección "teña que desprazarse a Cervo". "Pero non é máis incomodidade que a nosa en ir cos cartafois e arquivadores a Lugo", apostila.

Aproveita tamén o texto para solicitar a substitución do inspector que fixo ese requirimento, como o da inspectora que abriu o expediente, polo que tacha de "animadversión insistente e perseverante" contra Sargadelos.

A Xunta acusa a Besteiro de usar Sargadelos para unha "foto de axenda"

A Xunta acusou este mércores ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, de buscar só unha "fotografía para xustificar a axenda do día" coa súa visita á fábrica de Sargadelos.

Así o expresou a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración tras as declaracións de Besteiro, que pediu ao Goberno galego "coherencia e sentidiño" neste conflito.

Desde a Consellería afirman que "a Xunta é perfectamente consciente das súas competencias" e aseguran que, desde o inicio do conflito en Sargadelos, o executivo actúa con "rigor, seriedade e discreción".

Acusan a Besteiro de protagonizar unha "performance" e de contribuír ao "xogo partidista con mentiras", ao falar de "supostos cheques en branco e acordos secretos".

Segundo a Consellería, o único obxectivo do Goberno galego é "garantir os postos de traballo e a seguridade laboral das persoas empregadas" na empresa. "Como seguro que isto é compartido polo señor Besteiro, pedímoslle que, se de verdade quere lanzar unha mensaxe en defensa do emprego, deixe traballar ás autoridades competentes e non enrede por un titular", conclúe o comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade