O documental de Ana Kiro emociona no Festival de Cine de Ourense
"Kiro" é un musical que reivindica a artista galega como icona pop
Estreouse en primicia na segunda xornada do OUFF
Ao acto asistiu o viúvo de Ana Kiro, que vía o filme por primeira vez
O público en pé celebrou a proxección de Kiro. Nunha discreta segunda fila, Carlos Rivero, o víuvo, e o seu neto, ambos os dous vendo por primeira vez o filme.
"Foi ben bonito. Estou feliz. Pasoume o tempo voando. Feliz de que fose todo moi natural. De que Ana fose Ana. Eu vin a Ana, desde o principio ao final", di, emocionado, Carlos Rivero.
María Yáñez quixo retratar na súa primeira longametraxe como directora, a Ana Kiro do pobo e recorreu á xente, ao pobo, para que contase a súa relación con ela e, sobre todo, coa súa música.
María Yáñez, directora de "Kiro:" "É que Ana Kiro é a nosa gran icona pop. O primeiro que pensei é 'que raro que non estea ninguén aínda facendo algo sobre Ana Kiro porque me parecía moi evidente. Unha persoa que ten unha biografía bastante épica, a canción, o mundo que ela retrata...".
Noventa minutos nos que a película nos traslada polos múltiples escenarios da vida de Ana Kiro, desde a prolongada emigración en Cataluña ata cada recuncho da xeografía galega.
"O que facemos é un exercicio de reescoita, percorrendo todo o país, escoitando a Ana Kiro outra vez, ou por primeira vez, nun tocadiscos, nun radiocasete, nun taxi...", resume a directora.
O filme chegará aos cines o vindeiro 11 de decembro.