O Día das Artes Galegas 2026 homenaxea o fotógrafo José Suárez
Segundo a Real Academia Galega de Belas Artes, o allaricense é "o fotógrafo galego máis internacional, pola súa obra etnográfica e humanista"
Tamén foi cineasta e tivo amizade persoal con Akira Kurosawa, Miguel de Unamuno, Rafael Alberti e Eduardo Blanco Amor
A Casa da Cultura de Allariz acolle o acto central da celebración
Fotografía de José Suárez en Bueu en 1935 para a serie 'Mariñeiros'
A Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas 2026, que se conmemora este 1 de abril, ao fotógrafo José Suárez.
"A elección de José Suárez débese os seus numerosos méritos, como ser considerado o fotógrafo galego máis internacional, pola súa obra etnográfica e humanista", sinalou a academia.
Ademais de fotógrafo, foi cineasta e estivo influído polo pensamento da Revista de Occidente e as correntes artísticas de vangarda.
A Casa da Cultura de Allariz acolle este serán o acto principal do Día das Artes Galegas 2026 cun evento aberto ao público que comezará ás 19:00 horas co discurso de benvida do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, inaugurará o mesmo cun discurso de benvida. O fotógrafo Xurxo Lobato será o académico responsable de pronunciar a laudatio, titulada “José Suárez”.
José Suárez co seu can Mambrino en Punta del Este (O Uruguai), en 1950
José Suárez (Allariz, 1902-A Guarda, 1974) empeza a facer fotos cando aproba o bacharelato en Ourense e o seu pai lle regala unha cámara fotográfica. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca. A partir daí, comeza a facerlles fotos as súas irmáns e a publicar algunhas reportaxes como afeccionado en Vida Gallega sobre Allariz e a súa Festa do Boi.
Tamén fotografa terras de Salamanca, como La Alberca, Candelario ou Peña de Francia. En 1932 realiza as series etnográficas da romaría de San Vitoiro (Allariz), dos oleiros (Niñodaguia), da beiramar (Rías Baixas), da malla (Paicordeiro e San Salvador dos Penedos, no concello de Allariz), os carros e as feiras. Nestas series apréciase xa a vinculación coa nova linguaxe das vangardas fotográficas.
La Alberca
Amigo de Miguel de Unamuno, quen prologou seu libro 50 fotos de Salamanca, estivo influído polo pensamento da Revista de Occidente. No ano 1935 expón en París e Madrid. Comeza a rodar no ano 1936 o documental Mariñeiros, interrompido polo Golpe de Estado. Exiliase na Arxentina en 1937, e ali vai traballar como realizador e director de fotografía de varios filmes.
Miguel de Unamuno
En 1938 dirixe o filme La mujer y el jockey e foi premiado pola fotografía no filme Malambo en 1942. Foi fotógrafo no xornal La Prensa en Bos Aires. Vive no Uruguai desde 1950, onde rexenta a libraria El yelmo de Mambrino. En 1956 viaxa ao Xapón de correspondente de prensa. Alí namora da cultura nipona e o teatro clásico Noh. Coñece o director de cine Akira Kurosawa, con quen mantivo unha boa amizade, e colabora coas revistas Life, U.S. Camera, Vida gallega, Galicia emigrante, Atalaya, Ahora e Cinegraf, entre outras.
Akira Kurosawa e José Suárez
En 1959 volve a España, e edita un libro sobre A Mancha e outro sobre o mundo dos touros para unha editorial inglesa. Ilustra parte da Historia de Galicia de Otero Pedrayo e desde o ano 1971 participa nos faladoiros do hotel Miño de Ourense onde era moi querido por Carlos Casares e o grupo dos “artistiñas”.
É autor das publicacións: 50 fotos de Salamanca (1932), Nieve en la cordillera (1942), La Mancha (1965), The Life and Death of the Fighting Bull (1966), Galicia: terra, mar e xentes (1981), e director dos filmes Mariñeiros e La mujer y el jockey, así como director de fotografía de Malambo.
Foi amigo e colaborou con Carlos Velo, Luís Seoane, Ramón Pérez de Ayala, Nuñez Búa, Luis Tobío e Eduardo Blanco Amor, entre outros. No caso de Rafael Alberti, este dedícalle un debuxo.
Recentemente, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid adquiriu 15 obras de José Suárez para integralas na súa colección permanente de fotografía.
A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, en homenaxe o Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2025 a figura homenaxeada foi o artista multidisciplinar compostelán Isaac Díaz Pardo.
Coa súa parella na praia de Samil