Publicador de contidos
Publicador de contidos

O desprendemento dun andamio no concello lucense de Carballedo obriga a cortar unha estrada

O desprendemento dun andamio no concello lucense de Carballedo obriga a cortar unha estrada

O tráfico está desviado dende primeira hora da tarde

G24.gal 07/02/2024 18:50

Unha maraña de ferros puxo en alerta os veciños da Barrela, no concello lugués de Carballedo. Un andamio de tres andares que estaban a montar para arranxar unha fachada desprendeuse e quedou colgando sobre a estrada. Todo apunta a que foi o vento o que provocou o incidente.

"Estaban coa montaxe e aínda non remataría ben os puntos de ancoraxe na fachada. Como xa tiña colocada a rede provocou que fixese algo de vela e axudou a que se soltase", explica Vicente Simón, sarxento xefe do parque de bombeiros de Chantada.

Na zona despregouse un amplo dispositivo de seguridade e cortouse o tráfico na estrada nacional que une as cidades de Lugo e Ourense. Afortunadamente ningún dos traballadores que estaban na obra resultaron feridos. A lona do andamio e o cable do tendido eléctrico axudaron a reter a estrutura, que quedou pendurada sobre a estrada.

"Vin aquí os bombeiros e os axentes da Garda Civil de Tráfico. Sorte do cable ese, senón caía todo na estrada. Por esta vía hai moito tráfico e se chega a caer mataba a alguén".

Os labores para retirar a estrutura foron complexos e prolongáronse durante máis de dúas horas. Os ferros estaban unidos entre eles e houbo que ilos retirando a anacos.

"Valoraron ir soltando a tea e moita estrutura foi caendo polo seu propio peso. Quedou unha parte pendurada porque había algún ferro que facía cóbado e houbo que subir co vehículo de altura e acabar de retiralo do cable", explica Vicente Simón, sarxento xefe do parque de bombeiros de Chantada.

Os operarios afanáronse na retirada da parte baixa do andamio que se desprendeu, mentres que o outro lateral da estrutura non se viu afectada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade