O Deportivo saca un punto da visita a Gran Canaria (1-1)
Villares marcou para os galegos e Jesé para As Palmas
Álvaro Ferllo parou un penalti no primeiro tempo
Os dous equipos tiveron opcións e os porteiros foron dos destacados
Era un partido entre dous aspirantes o ascenso, dous enormes equipos na categoría en liñas ben distintas. A ascendente de As Palmas e a dubitativa do Deportivo. E así arrancou partido cos locais enchidos de decisión e cun Deportivo cohibido. As primeiras ocasións foron locais pero, co paso dos minutos, os coruñeses fóronlle tomando o aire ao partido. E aí chegou o gol de Villares (minuto 21), para refrendar esa melloría. Mais o gol espoleou aos amarelos que foron arriba e xa antes do intermedio puideron empatar nun penalti. Álvaro detívollo a Viera. Uns minutos despois o que marcaría sería Jesé. Foi unha primeira parte de alternativas e, camiño doi descanso, así o amosaba tamén o marcador.
O segundo tempo principiou igual. Cun Deportivo timorato e As Palmas en plan protagonista. E cos locais igual de fallóns que no período anterior. So que, co paso dos minutos, cos cambios, a reacción herculina non chegou. Tocou sufrir eses minutos. Resistir. Aguantar as acometidas de As Palmas e buscar unha contra salvadora. Unha contra que non chegou.
O Deportivo regresa cun empate que supón a quinta xornada consecutiva de Liga sen saber dunha vitoria. Na sala de prensa, o técnico herculino, Antonio Hidalgo, cualificou o empate como "un bo punto", salientou o traballo do porteiro Álvaro e sinalou que era consciente de que están "nunha mala xeira".