O Deportivo deixa dous puntos no tempo engadido (1-1)

Os de Idiakez adiantáronse no minuto 85, pero o Tarazona foi quen de empatar a falta de dous minutos

Jaime Sánchez foi o goleador deportivista

G24.gal 18/11/2023 19:24 Última actualización 18/11/2023 20:14

Nova xornada frustrante para o Deportivo. Un gol do Tarazona no minuto 96 deixou sen triunfo ao equipo coruñés.

Logo dun primeiro tempo para esquecer, no que só se rexistrou unha aproximación con algo de perigo, o Deportivo aplicouse no recomezo. Buscou sen descanso a portería local, aínda que lle custou un mundo lograr un gol. As ocasións sucedéronse nun día de moito traballo para o gardameta Yoel, quen fixo case todo ben. Actuou con acerto ante Davo e Lucas Pérez nas dúas primeiras oportunidades. Co paso dos minutos os deportivistas insistiron, probando desde a distancia. Hugo Rama provocou outra boa parada de Yoel, e Villares non acertou logo do seu rexeitamento.

O Tarazona, cada vez máis atrás, confiaba no seu porteiro, pero no seu único erro marcou o Deportivo. Foi no minuto 86, nun córner no que o gardameta local deixou un balón morto na área pequena. Entre unha morea de xogadores apareceu Jaime Sánchez, improvisado pivote neste encontro, para marcar o que parecía que ía ser o gol do triunfo para os de Idiakez. O máis difícil estaba feito, ante un equipo en descenso e que apenas chegou á portería de Germán.

Pero con este Deportivo nunca se sabe. Un centro lateral no sexto minuto do engadido propiciou o único remate claro do Tarazona. Cubillas empataba provocando o desacougo, unha vez máis, no deportivismo. Aínda tería tempo de gozar da última ocasión o conxunto galego. Hugo Rama disparou por riba da portería aragonesa.

Continúa o difícil e doloroso tránsito dos coruñeses pola categoría de bronce do fútbol español.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos