O Deportivo Abanca suma outro empate no campo do Español (1-1)
Bárbara Latorre igualou na segunda metade o tanto inicial de Ona Baradad
Segundo empate en dous partidos para o Deportivo Abanca. No feudo dun que ben podería ser un rival directo, o Español, conseguiu un punto valioso. Puideron ser os tres pois a mellor ocasión do partido foi galega. O disparo de Monteagudo golpeou contra a trabe. Bo lanzamento da lateral canteirá, ao que lle faltou un chisco de sorte.
Decidiuse por centímetros, o mesmo que a acción do 1-0 para o Español. Boa xogada colectiva das pericas que culmina Ona Baradad. Inicialmente o gol invalidouse por fóra de xogo da atacante. Tivo que intervir o recén instaurado VAR para comprobar o que o gol, aos 41 minutos de partido, era válido.
A igualada do Deportivo Abanca chegou aos 16 do reinicio. Foi nunha xogada de fe de Bárbara Latorre, que lle arrebata o balón á rival en situación de desvantaxe. A xogadora maña define cun disparo por baixo. Moito mérito a súa acción pola fe á hora de recuperar e tamén a de definir.
A igualada non se moveu. O Deportivo Abanca estreou a súa conta goleadora e, polo de agora, na clasificación suma de un en un.