O Deportivo Abanca suma o primeiro punto da temporada en Tenerife (0-0)
As galegas tiveron as súas ocasións, pero a expulsión de Carla Castiñeyras obrigounas a sufrir
Andrea Tarazona salvou a igualada nos minutos finais
Logo da derrota na xornada inaugural, o Deportivo Abanca de Alberto Rodríguez comezou a sumar. Fíxoo no Heliodoro Rodríguez, na visita ao Tenerife.
Foi un partido sen goles, aínda que si tivo ocasións. A mellor das galegas ía ser Andrea Tarazona, que pechou o seu marco diante dos intentos das illeiras na primeira metade.
O Deportivo Abanca mellorou co paso polos vestiarios, e Lucía Pardo puxo a proba a Noelia Ramos. Pero no minuto 84, Carla Castiñeyras vía o segundo cartón amarelo por unha falta na frontal. O lanzamento da infracción tivo perigo, pero foi aí cando volveu aparecer Tarazona, para negar o gol nesa xogada e, sobre todo, no seguinte lanzamento de Padilla ao que respondeu cunha gran parada.
O resultado non se moveu, e o Deportivo Abanca volve das Canarias co seu primeiro punto nesta Liga Feminina.