O Deportivo Abanca prepara unha revolución para a vindeira temporada
Trece xogadoras non continuarán no plantel, algunhas delas indiscutibles nos últimos anos como Ainhoa Marín, Paula Gutiérrez, Raquel García ou Bárbara Latorre
Merle Barth, a última en asinar a súa renovación co cadro deportivista
O Deportivo Abanca prepara unha revolución para a temporada 2026-27 na que afrontarán a terceira campaña consecutiva na Liga F. Á marcha de Fran Alonso engádense a de trece xogadoras, moitas delas o alicerce do cadro coruñés nas últimas temporadas. Non seguen Paula Gutiérrez, Raquel García, Henar Muiña, Vera Martínez, Ainhoa Marín, Samara Ortiz, Yohana Gómez, Lía Muiño, Lucía Martínez, Carlota Sánchez, Bárbara Latorre, Marina Artero e Hildah Magaia.
Algunhas delas como Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín ou Raquel García son emblemas dentro do club, xogadoras que pasaron dos 2.000 minutos nesta última campaña e que amosaron un gran compromiso desde a etapa do Deportivo Abanca na Segunda División.
Renovaron a dianteira uruguaia Espe Pizarro, a canteirá Paula Novo e a central alemá Merle Barth, a última en asinar o compromiso co cadro coruñés para a vindeira campaña. O club aínda non desvelou quen vai ser o substituto do adestrador Fran Alonso e que será unha peza fundamental para construír o novo proxecto.