O Dépor asina un acordo para arranxar o malestar da afección
Busca recuperar a confianza, a unidade e reforzar o ambiente
Quere preservar Maratón Inferior como unha das bancadas de maior animación
Foto LaLiga
O RC Deportivo vén de informar nun comunicado de que, "tras a reunión mantida este venres 28 de agosto con representantes dos distintos grupos de interese vinculados á afección, as partes alcanzaron un acordo marco de colaboración co obxectivo de recuperar un clima de confianza e unidade, reforzar o ambiente de ABANCA-RIAZOR e seguir traballando conxuntamente en beneficio do deportivismo".
O entendemento alcanzado, asegura o club, "permite compatibilizar as necesidades trasladadas polos colectivos de afeccionados coas obrigas legais, organizativas e de seguridade que lle corresponden ao Club como organizador dos encontros. Así mesmo, ambas as partes comparten o obxectivo de preservar Marathón Inferior como un dos principais espazos de animación de ABANCA-RIAZOR, dentro dun marco de convivencia, respecto e responsabilidade. O acordo parte do recoñecemento de que a afección desempeña un papel esencial na identidade e no ambiente do estadio e establece unha serie de compromisos recíprocos orientados a facilitar o funcionamento da bancada e previr calquera comportamento que poida prexudicar o Club, os seus afeccionados ou o conxunto do deportivismo.Entre os principais puntos acordados atópanse:
- A elaboración dun anexo ás condicións xerais dos abonos do RC Deportivo, de xeito que non exista un documento independente aplicable exclusivamente á bancada de Marathón Inferior. O devandito anexo sumarase ás condicións xerais no momento en que se desenvolva e asine, tras o cal as condicións particulares quedarán sen efecto.
- O mantemento dos procedementos de identificación e control do uso dos abonos de Marathón Inferior, de acordo coa normativa aplicable e coas responsabilidades que lle corresponden ao Deportivo como organizador dos encontros.
- O Deportivo manterá as condicións e os procedementos para que as persoas abonadas de Marathón Inferior poidan ceder ou liberar a súa localidade a través das canles oficiais do Club, de acordo cos procedementos de identificación establecidos e procurando ofrecer a maior flexibilidade posible dentro das obrigas existentes.
- O compromiso dos representantes da afección de colaborar activamente co Club no coñecemento e cumprimento destas condicións e na prevención e erradicación de comportamentos violentos, intimidatorios, discriminatorios ou contrarios ao respecto.
- O traballo conxunto para previr e deter, de ser o caso, cánticos, expresións ou condutas que poidan incitar á violencia ou ao odio, así como aquelas que poidan xerar sancións para o Club.Este acordo reflicte a vontade compartida de recuperar a confianza, reforzar a convivencia e traballar xuntos para que ABANCA-RIAZOR continúe sendo un dos grandes activos do RC Deportivo.Coa sinatura deste acordo, ambas as partes comprométense a deixar atrás as súas diferenzas e comezar unha nova etapa, coa vista posta no obxectivo compartido por todos os deportivistas: apoiar o equipo para acadar os mellores resultados no seu regreso á Primera División".
O RC Deportivo puxo fin ao comuicado agradecendo "a todos os representantes da afección a súa disposición ao diálogo, a súa vontade de atopar puntos de encontro e o compromiso amosado para alcanzar unha solución".