O cupón da ONCE celebra o 40 aniversario da Televisión de Galicia no sorteo do 22 de xullo
Cinco millóns de cupóns levan desde este xoves por toda España a imaxe da canle pública galega
O 40 aniversario da Televisión de Galicia protagonizará o cupón da ONCE do vindeiro martes, 22 de xullo. Cinco millóns de cupóns levan desde este xoves e por toda España a imaxe da canle pública galega. Xusto a vindeira semana cúmprense corenta anos das primeiras emisións da Televisión de Galicia.
O delegado da ONCE en Galicia, Manuel Fernández Paz, fixo entrega a Alejandro López, subdirector dos servizos informativos da canle, e a Marta Fernández, xefa de comunicación corporativa e responsabilidade social da corporación, dun cupón simbólico, nun acto celebrado este 17 de xullo.
Con esta acción, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia quere remarcar o 40 aniversario da canle difundindo esta celebración en todo o territorio nacional da man da ONCE, entidade que traballa pola autonomía e inclusión das persoas cegas e con discapacidade visual. A ONCE conta con 20.600 vendedores en toda España, dos que 835 están en Galicia e todos eles teñen desde hoxe o boleto coa imaxe da TVG.
Televisión de Galicia empezou as súas emisións regulares o 24 de xullo de 1985 desde as instalacións de San Marcos en Santiago de Compostela. Os medios públicos galegos retransmiten as 24 horas do día, 365 días ao ano e contan con oito canles, catro de televisión, dúas en TDT e outras dúas vía satélite para América e Europa. As outras catro son de radio: Radio Galega, Radio Galega Música, Son Galicia Radio e Radio Picariña.
2024 foi o ano de creación das tres plataformas dixitais da Corporación: AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal, especializada en público infantil. As tres conforman a maior oferta audiovisual de contidos en galego, sen custo para o usuario, e cumpren o obxectivo de multiplicar o impacto da programación de Televisión de Galicia e facer accesibles os seus contidos baixo demanda, alí onde estea a audiencia, en calquera lugar do mundo.

O cupón da ONCE
O Cupón Diario da ONCE pon en xogo un premio de 500.000 euros ao número, máis a serie, e 49 premios de 35.000 euros ás cinco cifras do número premiado. Ademais, 450 premios de 250 euros ás catro primeiras cifras e outros 450 premios ás catro últimas; 9.000 premios de 25 euros no caso de tres últimas ou tres primeiras, e o mesmo para as dúas primeiras e últimas (6 euros) e reintegro de 2 euros á primeira ou á última cifra do número premiado.