O Consello de Seguridade da ONU debaterá a fuga do Nord Stream este venres
A reunión foi solicitada por Rusia, que investiga o suceso como "terrorismo internacional"
A UE avisa dunha resposta forte polas fugas do Nordstream por acto deliberado
O Consello de Seguridade da ONU reunirase o vindeiro venres a pedimento de Rusia para discutir as fugas nos gasodutos Nord Stream detectadas no mar Báltico.
As tres fugas detectadas nos gasodutos Nord Stream 1 e 2 ocorreron en augas internacionais: dúas na zona económica exclusiva danesa e unha na sueca.
No medio de crecentes sospeitas dunha posible sabotaxe, Moscova solicitou este mércores unha sesión urxente do máximo órgano de decisión de Nacións Unidas. O Kremlin cualifica de "parvas e absurdas" as acusacións europeas de que podería estar detrás destes danos.
Aínda que Rusia confiaba en que a reunión tivese lugar este xoves, Francia -que este mes ocupa a presidencia de quenda do Consello de Seguridade- convocouna para o venres pola tarde (hora de Nova York).
Rusia investiga o suceso como terrorismo internacional
Rusia abriu este mércores un caso penal por terrorismo internacional debido ás fugas detectadas nos gasodutos rusos Nord Stream e Nord Stream 2 nas augas do mar Báltico.
A Fiscalía rusa denuncia nun comunicado que "non máis tarde do 26 de setembro, nas inmediacións da illa de Bornholm, cometéronse accións intencionadas encamiñadas a danar os gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2".
"Como resultado das devanditas accións, a Federación Rusa sufriu un considerable prexuízo económico", subliña.
UE e OTAN considérano un "acto intencionado"
A operadora do gasoduto Nord Stream indicou hoxe que todo suxire que se produciron "danos físicos" na infraestrutura enerxética, e asegurou que comezou a mobilizar todos os recursos necesarios para estudar as causas do incidente.
Suecia, Dinamarca, Alemaña, a Unión Europea (UE) e a OTAN afirman que as fugas son causa dun "acto intencionado" e dunha "sabotaxe".
O Kremlin cualificou hoxe de "parvas e absurdas" as acusacións europeas de que Rusia podería estar detrás dos danos detectados nos gasodutos Nord Stream 1 e 2.