Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE avisa dunha resposta "forte" polas fugas no Nord Stream por "acto deliberado"

A UE avisa dunha resposta "forte" polas fugas no Nord Stream por "acto deliberado"

A operadora do gasoduto di que mobiliza todos os recursos para reparar os danos e investigar as causas das fugas

Rusia cualifica de absurdas as acusacións de sabotaxe

G24.gal 28/09/2022 11:14 Última actualización 28/09/2022 12:27

A Unión Europea asegurou este mércores que reaccionará cunha "resposta forte e unida" ante calquera "interrupción deliberada da infraestrutura enerxética europea", tras as tres foxes detectadas onte nos gasodutos do Nord Stream 1 e 2 en Alemaña, Dinamarca e Suecia.

Nun comunicado publicado hoxe en nome dos Vinte e sete, o alto representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Josep Borrell, dixo que "toda a información dispoñible indica que estas fugas son o resultado dun acto deliberado", e afirmou que a UE apoiará toda investigación que permita obter "total claridade" sobre o ocorrido.

Borrell asegurou que "estes incidentes non son unha coincidencia" afectan a "todos" e asegurou que "a seguridade e as preocupacións ambientais son de máxima prioridade".

O alto representante, con todo, evitou tachar os actos de sabotaxe, coma se fixeron onte á noite a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, e o presidente do Consello Europeo, Charles Michel.

Nunha mensaxe na súa conta oficial de Twitter, Von der Leyen dixo que falara por teléfono coa primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen, sobre "a acción de sabotaxe" e que "agora é primordial investigar os incidentes" para "obter total claridade sobre os eventos e por que se produciron". "Calquera interrupción deliberada da infraestrutura enerxética europea activa é inaceptable e conducirá á resposta máis forte posible", sinalou Von der Leyen.

Pola súa banda, Michel apuntou, xa de madrugada, que "os actos de sabotaxe parecen ser un intento de desestabilizar aínda máis a subministración de enerxía á UE".

Nord Stream di que mobiliza todos os recursos para reparar os danos

A operadora do gasoduto Nord Stream indicou hoxe que todo suxire que se produciu "danos físicos" no mar Báltico na infraestrutura enerxética, e asegurou que comezou a mobilizar "todos os recursos necesarios" para estudar as causas do incidente coa "cooperación coas autoridades locais pertinentes" de Dinamarca e Suecia.

"Actualmente, non é posible prever un calendario para restaurar a infraestrutura de gas. As causas do incidente aclararanse como resultado da investigación", engadiron. 

Rusia cualifica de absurdas as acusacións de sabotaxe

O Kremlin cualificou hoxe de "parvas e absurdas" as acusación europeas de que Rusia podería estar detrás dos danos detectados nos Nord Stream 1 e 2. Rusia insistirá en participar na investigación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade