O Consello de Ministros aproba o novo réxime de cotización dos autónomos
O Consello de Ministros aproba o novo réxime de cotización dos autónomos
Comezará a aplicarse en xaneiro, con 15 tramos de cotas, que van dende 230 euros ata 500, segundo os ingresos
O Goberno aproba un teito de gasto récord para 2023 de 198.211 millóns

O Consello de Ministros aprobou o novo réxime de cotización dos autónomos. Comezará a aplicarse en xaneiro, con 15 tramos de cotas. Dende 230 euros ata 500, segundo os ingresos.
A reforma é froito do acordo entre Goberno, axentes sociais e asociacións de autónomos e supón un primeiro paso cara á cotización polos ingresos reais.
Tamén mellora a protección en caso de cesamento da actividade. O texto chegará ao Congreso como proxecto de lei para que os grupos parlamentarios poidan facer achegas.
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a ministra portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, asegurou que se trata de "un gran acordo, importante, para dar tranquilidade ás súas vidas, mellorando as súas prestacións e adecuando as cotizacións aos seus ingresos".
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, valorou que é unha reforma "gradual", cun sistema para os tres próximos anos; que achega "flexibilidade", permitindo ir adaptando as súas cotizacións ao longo da súa vida laboral; e que dota de axilidade, coa tramitación administrativa sinxela mediante unha aplicación de móbil.
A reforma establece unha subida progresiva das bases de cotización ao réxime especial de traballadores autónomos (RETA) en 15 tramos segundo ingresos desde 2023 e ata 2025, ano no que serán revisados.
Escrivá tamén deu conta dous outros dou asuntos do seu departamento aprobados no Consello de Ministros: a reforma para facilita emprego aos estranxeiros e o avance normativo para o ingreso mínimo vital
O Goberno aproba un teito de gasto récord para 2023 de 198.211 millóns
O Consello de Ministros aprobou este martes un límite de gasto non financeiro para 2023 de 198.211 millóns de euros, un 1,1 % superior ao deste ano, que xa foi un máximo histórico - 196.142 millóns- polo efecto dos fondos europeos.
Segundo informou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello, o Goberno mantivo a previsión de déficit público do 3,9 % do PIB, "a pesar das medidas extraordinarias" postas en marcha para combater os efectos da guerra en Ucraína.
Con todo, o Goberno modificou a repartición desta referencia para dar unha maior marxe ás comunidades autónomas -pasan do 0,1 % ao 0,3 % do PIB- á conta da administración central -pasa do 3,4 % ao 3,2 % do PIB-.
A referencia para a Seguridade Social mantense nun déficit do 0,5 % do PIB e a das corporacións locais sitúase nun superávit do 0,1 % do PIB, unha décima menos.
O Goberno rebaixou a previsión de crecemento do PIB ao 2,7 % para 2023
O Goberno rebaixou este martes a súa previsión de crecemento do produto interior bruto (PIB) ao 2,7 % para 2023, 0,8 puntos por baixo da previsión de finais de abril, como consecuencia do impacto da guerra en Ucraína.
Segundo o cadro macroeconómico presentado hoxe pola vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, na rolda de prensa tras o Consello de Ministros, a previsión de crecemento para este ano mantense no 4,3 %.
Aínda que o Goberno non ofrece previsións do índice de prezos de consumo (IPC), o deflactor do consumo privado -indicador similar- elévase ao 7,8 % para 2022 e ao 2,9 % para o próximo ano. "O principal reto da economía neste momento é a inflación. É un fenómeno global, xerado por un shock exógeno", destacou Calviño, quen fixo fincapé na contorna internacional "incerta e turbulento" provocado polas tensións xeopolíticas asociadas á guerra.
A pesar do difícil contexto, a vicepresidenta destacou que o crecemento da economía española seguirá sendo forte e estará sustentado por catro factores: o "excelente" comportamento do emprego, o forte investimento en bens de equipo, a recuperación do turismo e a redución do déficit e a débeda pública.
Neste sentido, o Executivo mantén a taxa de paro no 12,8 % de media para este ano, mentres que elevou 3 décimas a prevista para 2023, ao 12 %. A previsión de crecemento para 2022 mantense no 4,3 %, pero o Executivo modificou a súa composición, de maneira que a demanda nacional achegará 3,7 puntos (0,9 puntos menos respecto a a previsión de abril), en tanto que a demanda externa (exportacións e importacións) contribuirá con 0,5 puntos (0,8 puntos máis).
O cambio explícase na desaceleración prevista do consumo das familias, mentres que mellorou a expectativa de crecemento das exportacións e do turismo.