OPINIÓN
Galicia perde autónomos: cando emprender é cada vez máis caro, por Santiago Calvo

Nos últimos quince anos, Galicia perdeu preto de dezaoito mil autónomos. En setembro deste ano, había pouco máis de 204.500 traballadores por conta propia fronte aos máis de 223.000 do 2010. É dicir, cada ano desaparecen arredor de mil douscentos pequenos negocios. A cifra non é só unha estatística: detrás dela hai tendas que botan o peche, bares que xa non abren, profesionais que se dan de baixa. E tamén moita incerteza.
Nos últimos días o Goberno central tivo que recuar na súa proposta de subir as cotas dos autónomos. Primeiro anunciara incrementos de ata o 35 % para algúns tramos de ingresos, o cal levantou unha onda de protestas. Finalmente, a nova proposta deixa conxeladas as cotas para quen gaña menos de 1.166 euros ao mes e establece subas pequenas, dun 1 a un 2,5 %, para o resto. Un alivio, si, pero que non resolve o fondo do problema: cada vez é máis caro ser autónomo en España, e especialmente en Galicia.
Porque, mentres o debate político se centraba en se as cotas debían subir ou non, moitos aproveitaron para lanzar unha idea curiosa: que España sería máis próspera se tivese menos autónomos. Algúns comparaban con países como Dinamarca ou Suecia, onde os traballadores por conta propia apenas chegan ao 10 % da poboación activa. Pero, o razoamento vai ao revés: non son ricos porque teñan poucos autónomos, senón que teñen poucos autónomos porque son ricos. É dicir, a prosperidade non chega castigando o emprendemento, senón fomentando unha economía que poida pagar bos salarios e absorber máis talento no emprego asalariado.
En Galicia, o problema é máis fondo e máis vello. Hai sectores enteiros, como o comercio e a construción, que non atopan relevo xeracional. Moitos autónomos chegan á xubilación sen que ninguén queira ou poida continuar o negocio. Outros botan o peche porque non poden asumir a subida xeral de custos: electricidade, materiais, alugueiros e, por riba, as cotas da Seguridade Social, que, no caso da mínima, se encareceron uns 400 euros anuais nunha década. Nun contexto de envellecemento demográfico e pouca natalidade, iso é unha tormenta perfecta.
Ao final, ser autónomo segue a ser unha mestura de liberdade e sufrimento. Liberdade para crear, escoller e decidir. Pero tamén sufrimento por unha burocracia infinita, por cotas elevadas e por unha sensación de desamparo. Galicia, terra de pequenos negocios e traballo artesán, non pode permitirse perder esa alma emprendedora. Porque sen autónomos, sen esa xente que arrisca e inventa o seu propio emprego, o país empobrece. A prosperidade non virá de reducir o número de autónomos, senón de facerlles a vida un pouco máis doada.