O Consello de Colexios Médicos celebra o acordo coa Xunta sobre compatibilidades
Os facultativos celebran o acordo coa Xunta que lles permite compatibilizar o traballo na sanidade pública e na privada
Nunha entrevista na Radio Galega, Eduardo Iglesias avoga por un pacto a longo prazo para solucionar os problemas da sanidade
O Consello Galego de Colexios Médicos celebra o acordo ao que chegou onte coa Xunta que lles permite aos facultativos a posibilidade de compatibilizar o traballo na sanidade pública e na privada, aínda que sexa en clínicas concertadas. Para o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Eduardo Iglesias, a situación ata agora era anacrónica.
"Cremos que non ten moito sentido que a lei de incompatibilidades pedise que os médicos que queiran exercer na privada non poidan exercer nun hospital concertado, que era o problema que tiñamos. Era unha situación que lles podía traer algún problema legal aos que traballaban tamén na privada".
Ademais de ter concedida a compatibilidade, os médicos que queiran traballar tamén na sanidade privada deben renunciar ao complemento específico que reciben os facultativos que só exercen na pública. Os colexios e os sindicatos médicos queren que ese complemento o reciban todos os facultativos, tamén os que compatibilizan o traballo na privada.
"Non nos parece equitativo que che retiren un complemento de 900 euros simplemente porque ti polas tardes queres exercer a túa profesión de forma privada, cando os que exercen na privada seguen traballando as mesmas horas que os que o fan na pública. Se nalgún momento teño que facer unha garda na pública porque non hai xente, eu teño que deixar a miña clínica para facer esa garda, porque o primeiro é a sanidade pública".
Para o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, o problema da atención primaria non é tanto a falta de médicos como a sobrecarga de traballo e as condicións laborais que fan que moitos médicos en formación renuncien a esta especialidade.
"Os médicos novos en canto fan a rotación ven o traballo abusivo que agora mesmo ten a primaria, con axendas sobrecargadas. Cando ti queres realizarte no teu traballo queres facelo ben e con axendas sobresaturadas é imposible. Reducir as axendas e mellorar as condicións económicas: iso é o que hai que facer para atraer profesionais á atención primaria"
Eduardo Iglesias avoga por un pacto a longo prazo sobre sanidade para superar os problemas actuais.
"A solución á sanidade pasa por un pacto a longo prazo, pero agora hai que solucionar os problemas que temos. Medidas que estuda a Xunta como limitar as axendas a 33 pacientes por día e remunerar mellor as prolongacións de xornada son valentes, pero hai que ver se funcionan".
O presidente do Consello Galego de Colexios Médicos cre que o problema da falta de médicos se irá solucionando nos próximos anos, cando completen a formación os mir que aprobaron as últimas convocatorias.
"Si que habería que aumentar un pouco as prazas mir. O que pasa é que tardan catro anos en formarse. Durante eses catro anos temos que buscar unha solución. A longo prazo irase normalizando a situación dos médicos que se irán xubilando e os MIR que se incorporan. Nesta última convocatoria foron 8.000 prazas de mir, que non é un mal número".