Os podólogos reclaman formar parte dos equipos sanitarios do Sergas
Analizaron as patoloxías do pé nas VI Xornadas Galegas de Podoloxía en Santiago
Insisten en que son especialistas imprecindibles en tratamentos de doenzas como o pé diabético
O Colexio Oficial de Podólogos celebrou as sextas xornadas desta especialidade cunha análise de diferentes aspectos profesionais, como a terapia física, o pé diabético e a cirurxía podolóxica. Insistiron en que é necesario que a podoloxía se inclúa dentro dos servizos do Sergas para facer un labor preventivo e tamén rehabilitador en moitas doenzas.
O pé e as súas doenzas desde os primeiros anos, como previlas e diagnosticalas e como interactuar con outras especialidades médicas para que os tratamentos sexan máis eficaces foron os temas de análise destas xornadas nas que participaron máis de 200 profesionais e nas que se prestou unha atención especial ao pé diabético.
"Dedicámonos ao pé e á patoloxía é pé diabético. Á hora de unificar coñecementos arredor desta patoloxía somos parte importante, e hai algúns tratamentos desta patoloxía como son as descargas de presión moi necesarias na curación de úlceras para as que os podólogos son os únicos profesionais que teñen formación", asegura o podólogo Nador Pereira Losada.
"O traballo que facemos en conxunto cos cirurxiáns vasculares pode axudar o paciente para evitar que se produzan ulceracións ou amputacións que poden ser predeterminantes na taxa de morbilidade e mortalidade", explica Almudena Cecilia Matilla, doutora e podóloga do hospital Ramón y Cajal.
Os podólogos advirten que hai poucas comunidades nas que estes especialistas formen parte dos equipos da sanidade pública, algo que cren que é imprescindible.
"Os resultados que se observan cando nós traballamos nos equipos multidisciplinares é que somos quen de controlar ese factor mecánico que é precipitante. Iso tradúcese en menores taxas de ulceración e amputación, o que mellora a calidade de vida dos pacientes e menos gasto sociosanitario", di Matilla que traballa no sistema público de saúde madrileño.
"É algo que se leva pedindo desde hai moitos anos para que así sexa realmente un sistema igualitario para todos os cidadáns de Galicia", recorda Pereira
Advirten ademais que o prezo de úlcera e amputación chega aos 45.000 euros por paciente, que podería aforrar o sistema sanitario.