Publicador de contidos
Publicador de contidos

PP e BNG piden no Congreso que a SEPI entre no accionariado de Alcoa

PP e BNG piden no Congreso que a SEPI entre no accionariado de Alcoa

A iniciativa contou cos votos en contra do PSOE

G24.gal 11/04/2024 15:51 Última actualización 11/04/2024 16:27

O Congreso reclamou ao Goberno activar, "se é necesario", a intervención pública "instrumental e temporal" de Alcoa a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

O texto aprobado partiu dunha iniciativa do BNG defendida polo deputado Néstor Rego e fora pactada co PP.

Finalmente saíu adiante na Comisión de Industria do Congreso co voto en contra do PSOE e grazas á abstención de Sumar e Vox, e a ausencia do PNV, Junts e Bildu.

A iniciativa pide que se adopten medidas urxentes para asegurar a continuidade da actividade industrial e o mantemento de postos de traballo en Alcoa, que expón pechar a súa fábrica en San Cibrao.

A redacción definitiva inclúe un punto específico para activar a intervención pública da empresa de forma temporal, sempre que sexa necesario, ata que se poida buscar un operador fiable "que presente un proxecto industrial solvente e de futuro co obxectivo de garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo".

Así mesmo, esíxese a Alcoa o cumprimento dos compromisos e investimentos previstos en 2023, como a construción do forno de ánodos, continuando coa súa execución independentemente de que se estea comezando un proceso de venda da planta.

O PP e o BNG consideran que ditos investimentos son necesarios para garantir a viabilidade futura da planta operada por Alcoa ou por outro eventual futuro propietario.

Manter a bonificación de peaxes do 80 %

Outro punto que se aprobou é o de manter a bonificación de peaxes do 80 % á industria electrointensiva con carácter permanente.

A petición dista da orixinal do BNG, que apostaba directamente por eliminar da factura eléctrica os custos de peaxes e cargos asociados ao transporte.

Pídese ao Goberno tamén modificar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das empresas hiperelectrointensivas; garantir a máxima compensación por dióxido de carbono (CO2) permitida por Europa; e articular unha interrompibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como "colchón" nos picos de consumo de enerxía.

Por último, a proposición non de lei inclúe un apartado para esixir ao Executivo axilizar os trámites necesarios para garantir "canto antes" a efectividade dos contratos de compravenda de enerxía (PPAs) para o complexo industrial de San Cibrao que Alcoa subscribiu coas empresas eléctricas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade