Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reabren os aeroportos de Bruxelas e Liexa tras o peche temporal por drons

Reabren os aeroportos de Bruxelas e Liexa tras o peche temporal por drons

As terminais retomaron a actividade unha hora despois de detectar aparellos non autorizados

O Exército belga mantén a orde de derrubar drons se é posible facelo sen risco para civís

Imaxe de arquivo do aeroporto de Copenhage, que tivo que pechar tamén en setembro pola presenza de drons Imaxe de arquivo do aeroporto de Copenhage, que tivo que pechar tamén en setembro pola presenza de drons
G24.gal 04/11/2025 21:17 Última actualización 04/11/2025 22:00

Os aeroportos belgas de Bruxelas-Zaventem e Liexa, no leste do país, reabriron o seu espazo aéreo despois de permanecer pechados máis dunha hora pola presenza de drons nas proximidades das terminais.

O aeroporto de Bruxelas pechou arredor das 20.00 horas locais e pouco despois fixo o mesmo o de Liexa, ata que as operacións se retomaron cara ás 21.00.

“Cando se detecta un dron, o procedemento estándar consiste en suspender os voos durante polo menos 30 minutos, o tempo necesario para facer as comprobacións e asegurarse de que non hai máis sobrevoos non autorizados. Iso foi o que ocorreu neste caso”, explicou un portavoz do controlador aéreo Skeyes.

As autoridades aínda non estableceron unha conexión entre ambos incidentes.

Durante o peche, varios avións que se dirixían ao principal aeroporto de Bruxelas e debían aterrar na capital desviáronse  outras localidades belgas como Charleroi ou Bruxas, así como a aeródromos doutros países, entre eles París e as cidades alemás de Maastricht, Colonia e Fráncfort.

“Pechouse o aeroporto por drons e acabamos de aterrar en Charleroi. Imos repostar porque non tiñan combustible para seguir sobrevoando ata que se fose o dron e estamos aquí parados”, contou un pasaxeiro dun voo procedente de Madrid.

Outros aparellos permaneceron no aire en circuítos de espera, mentres desde a terminal de Zaventem sinalaron que están “a investigar o asunto” e que, polo momento, non hai voos que aterren nin engalen desde Bruxelas-Zaventem.

Nas últimas semanas avistáronse varios drons nas proximidades de infraestruturas sensibles, o máis recente durante a fin de semana preto da base aérea militar de Kleine-Brogel, próxima á fronteira cos Países Baixos.

O exército mantén a orde de derrubar os aparellos

As autoridades belgas preparan un plan acelerado de resposta a este tipo de incursións, mentres o Exército mantén a orde de derrubar os aparellos sempre que poida facerse con seguridade e “sen causar danos colaterais”.

O ministro de Defensa, Theo Francken, declarou nunha entrevista que os recentes voos de drons sobre bases militares e aeroportos poderían estar relacionados con labores de espionaxe rusos.

Aínda que recoñeceu que “non hai información concreta sobre a orixe dos drons”, apuntou á posible responsabilidade de Moscova, en liña con outras incursións rexistradas no espazo aéreo de países bálticos e do leste de Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade