O Concello de Viveiro mantén este luns as restricións de consumo da auga da traída
As últimas analíticas indican que o problema de contaminación por xurro xa está solucionado, pero agardan aos controis microbiolóxicos para levantar as restricións
Mantense tamén a prohibición de bañarse en varias praias do concello
A alcaldesa agarda poder recuperar a normalidade na xornada do martes, segundo a estimación dos técnicos
O Concello de Viveiro mantén este luns a recomendación de non utilizar a auga da traída para consumo humano, tras a contaminación que causou unha vertedura de xurro. Os actuais valores das analíticas xa permitiron retomar a captación do río Landrove, pero á falta dos resultados máis minuciosos a nivel microbiolóxico, o Concello mantén a prudencia e continúa subministrando auga potable aos veciños a través de camións cisterna.
Mentres levan toda a fin de semana tirando de garrafas de auga. Xa sexan as do supermercado ou das que se poden encher de balde nos camións cisterna que a traen doutros puntos da Mariña.
"Como nos deixaron sen auga por culpa do xurro, temos que comprar ou collela nestes colectores". "É un pouco máis complicado pero, en fin, que todos os problemas sexan así de graves" comentan resignados.
Complicado especialmente para o traballo dos hostaleiros.
"Paramos de empregar auga para todo. Véndense moitos refrescos pero a xente que quere café ou infusións é un problema porque as máquinas funcionan con auga da traída".
Aínda que o resultado das analíticas mellorou, dende o Concello prefiren ser cautelosos: retomouse a captación de auga do río Landro, pero, á espera de probas microbiolóxicas, mantense a recomendación de non utilizar a auga da billa para cociñar, lavar os dentes e menos para beber.
A vertedura de xurro produciuse o venres nunha explotación de Muras e chegou polo río Landro ata a estación depuradora. Mantense a prohibición de bañarse nas praias de Seiramar, Covas, Celeiro e Area.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, avanza que poderían recuperar a normalidade na xornada do martes, segundo a estimación dos técnicos