Publicador de contidos

Publicador de contidos

O concello da Rúa reparte auga potable e o de Petín advirte de que a da billa non é apta para o consumo

O concello da Rúa reparte auga potable e o de Petín advirte de que a da billa non é apta para o consumo

Os dous concellos advirten de que non poden potabilizar a auga da traída debido á situación do incendio

No concello de Larouco, tamén afectado por este lume, a auga si se pode consumir

 

G24.gal 17/08/2025 19:36

Ante a imposibilidade de potabilizar a traída da auga por mor do avance do incendio orixinado no municipio veciño de Larouco, na comarca de Valdeorras, o concello da Rúa anunciou que repartirá auga embotellada entre os seus habitantes

"Debido ao gran consumo de auga necesaria para a extinción e a cantidade de residuo depositada no aire non temos capacidade para potabilizar de forma eficiente a auga da traída, polo que se recomenda o uso de auga embotellada para consumo nos próximos días", informou o ente municipal a través dun comunicado publicado en redes sociais.

O municipio anunciou que durante o domingo inicia a distribución de auga embotellada entre os seus habitantes, aos que lles pediu que permanezan atentos á información municipal.

Pola súa banda, o Concello de Petín trasladou nas súas redes sociais que a súa auga "non é apta para o consumo". En cambio, no limítrofe de Larouco non hai problemas de potabilización, segundo indicou a súa alcaldesa, Patricia Lamela. Alí simplemente houbo problemas puntuais debido ao enchido da piscina municipal para que o helicóptero dos servizos de extinción puidese fornecerse de auga.

Os tres municipios están afectados polo incendio que calcinou xa máis de 6.000 hectáreas desde o mércores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade