Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Concello de Santiago permitirá que os veciños destinen as súas vivendas a uso turístico dous meses ao ano

O Concello de Santiago permitirá que os veciños destinen as súas vivendas a uso turístico dous meses ao ano

Anuncio que se produce tras as últimas sentenzas do TSXG que obrigarían os pisos turísticos a contar con licenza municipal para poder operar 

O consistorio compostelán comezará a sancionar ós que non conten con estas licenzas no prazo dunha semana

G24.gal 16/05/2022 14:43

Este luns, na Radio Galega, abordaron o debate xerado tras os últimos ditames da xustiza, que virían avalando a limitación dos pisos de uso turístico, que precisarían de licencia municipal para tal fin. 

Contamos coas posturas da Concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón, e coa presidenta da Asociación de vivendas de uso turístico de Galicia, Dulcinea Aguín.

Aviturga

A presidenta da Asociación de Vivendas de Uso Turístico de Galicia non comparte estas sentenzas e considera e ve na medida un ataque do consistorio compostelán ós propietarios de vivendas turísticas con argumentos que ao seu xuízo non son certos. 

Aguín acusa o Concello de Santiago non facer política de vivenda desde hai máis de trinta anos, nin adoptar outras medidas para solucionar o problema da falla de inmobles en alugueiro tradicional. 

"O que nos molesta é que os pisos turísticos somos os culpables de todo... o que está facendo agora mesmo Santiago é modificar o plan xeral para poder limitar esas vivendas", engade.

A presidenta de Aviturga amósase esperanzada ante a posibilidade de que as vivendas reguladas desde 2017 poidan seguir exercendo esta actividade sen problema. Considera que as sentenzas se están tomando de xeito integral, cando cómpre tomar decisións a título individual. 

"Creo que nos estamos equivocando, porque detrás destas vivendas habería setecentas familias que dedican eses ingresos á manutención das súas casas. Non podemos esquecer todo o que hai detrás. Moito sacrificio, aforro e unha vida de traballo", puntualiza.

Sobre este aspecto, engade Aguín que se está prexudicando ó sector, que por unha banda está a traballar por mellorar a economía, e preténdese agora limitar esta actividade.

Concello de Santiago

Por outra parte, a Concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, defendeu que a sentenza do TSXG é clara, xa que se refire ás vivendas de uso turístico como actividade económica de uso terciario, polo que precisa unha autorización municipal para poder realizarse. 

Engade Rosón que a proliferación de pisos turísticos en cidades como Santiago tivo un grande impacto, ó se tratar dunha cidade "cativa" cunha tensión turística importante, matiza. 

Manifesta que a estas alturas, en Compostela uns novecentos pisos seguirían operando de xeito irregular, e así se ofertan nas plataformas. Neste momento, o Concello xa lle trasladou á Xunta unha listaxe da situación desas vivendas para que sexan eliminadas do rexistro aquelas que non conten con autorización municipal. 

"Nós non queremos prohibir, senón regular e ordenar esas vivendas... vanse colocar nos lugares nos que menos conflitos xeren... non podemos seguir empregando edificios da cidade histórica para este fin, porque queremos que a xente volva vivir alí", explica. 

Doutra banda, anuncia que o consistorio permitirá ós propietarios de calquera vivenda dentro do Concello, empregala para uso turístico durante dous meses ao ano. 

Insiste en que a xustiza está a ser clara ao limitar este tipo de pisos, porque implica unha actividade económica de uso terciario, e está advertindo tanto a propietarios, como á Xunta de que para poder exercela deben contar cun título habilitante do concello.

"Xa é tarde. O Concello xa notificou aos propietarios, na anterior lexislatura, que non poderían operar sen licencia. Con esta sentenza, a próxima semana empezarán a recibir sancións... porque levan anos operando de xeito ilegal", remata.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade