A previsión do tempo de praia anima as reservas de última hora
En Sanxenxo a media de ocupación hoteleira roza o 80 %
Agárdase unha fin de semana solleira, con máximas de 27 graos
Cando xa tiñamos o chip cambiado para o outono, o verán decide regalarnos unha propina de sol e praia.
"Foi a gran sorpresa, o tempo"; "Presta bastante este sol, sobre todo cando ves co chuvasqueiro preparado na maleta por se as moscas"; "Día fantástico, para gozalo".
O tempo seco e solleiro, con máximas de 27 graos nas Rías Baixas, durará toda a fin de semana. E iso faise notar nas reservas de última hora en localidades costeiras como Sanxenxo.
"De feito o groso das reservas desta fin de semana se fixeron hai tres ou catro días. Non só fai bo tempo, está de praia e iso anima moito. Ir á praia en outubro sempre é apetecible", explica Alfonso Martínez, o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.
Algúns hoteis xa están pechados a estas alturas, e este ano non hai ponte polo Pilar. Así é todo a ocupación hoteleira está entre o 75 % e o 85 % movida polo tempo e a Festa do Marisco do Grove, onde moitos lle poñen o ramo á escapada outonal.
"A festa move moitas prazas hoteleiras, non só no Grove, en todo o Salnés. Veñen moitos grupos e tamén particulares que, de paso que veñen, aproveitan para ir á festa do marisco", comenta Alfonso Martínez.
Turistas e locais aproveitan para cargar pilas ao sol nos paseos, nas terrazas e nas praias. Ambiente animado e tempo de verán, pero sen o abarrotamento propio do verán. O plan perfecto para os viaxeiros de outubro, que este ano acertaron atrasando as vacacións.