Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Concello de Ourense aproba o "tarifazo do lixo" coa abstención do PP e co PSOE e BNG en contra

O Concello de Ourense aproba o "tarifazo do lixo" coa abstención do PP e co PSOE e BNG en contra

A ordenanza supón "unha subida do 45 %" no pago do servizo de recollida e tratamento de residuos

A ordenanza votouse nun pleno extraordinario. Europa Press. A ordenanza votouse nun pleno extraordinario. Europa Press.
G24.gal 29/12/2025 15:56

O Concello de Ourense aprobou este luns en pleno extraordinario a ordenanza reguladora das tarifas do servizo de recollida e tratamento de residuos -o "tarifazo do lixo" segundo cualificaron socialistas-, grazas á abstención do PP, e a pesar do voto en contra de BNG e PSdeG.

Unha ordenanza que supón "unha subida do 45 %" no pago do servizo de recollida de lixos na cidade, segundo trasladou a concelleira socialista María Fernández, quen afeou que se trata dunha "subida indiscriminada por capricho do alcalde", Gonzalo Pérez Jácome. Así mesmo, os socialistas criticaron que o rexedor ourensán "siga botando a culpa" á Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados e recalcaron que as bonificacións da nova ordenanza "só benefician a nove unidades familiares".

Unha posición que compartiu tamén o grupo municipal nacionalista, que condenou un "aumento das taxas sen un mellor servizo". "Comezaremos 2026 cun servizo máis caro e que non será máis eficiente", destacou a concelleira do BNG Erea Blanco. Nesta liña, nacionalistas incidiron en que a nova ordenanza "terá un efecto na saúde pública e medioambiente" na cidade, convertendo o lixo en "un negocio cada vez máis insostible".

Pola súa banda, os populares insistiron en que "só houbo seis alegacións de particulares" e "ningunha de ningún grupo político, entidade representativa, comerciantes ou empresarios" fronte a dita ordenanza, a cal, tal e como subliñaron, será "moito máis útil" para empresas e "máis xusta" grazas ás bonificacións.

Así mesmo, o rexedor ourensán, Pérez Jácome, respondeu ás críticas da oposición sinalando que a taxa do lixo "corrixirase en base ao prezo exacto ao que se adxudique o contrato", que está xa en proceso de adxudicación tras case 13 anos en precario.

Nesta liña, Jácome apuntou á concelleira socialista María Fernández e recriminoulle por "dicir que se trata de algo do goberno municipal cando vén dunha lei estatal". "Ten o valor de dicilo en varios plenos cando é o seu partido o que o fai, e queda tan tranquila, indígname", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade