OPINIÓN
O colapso da rede eléctrica: causas, consecuencias e situación en Galicia, por Santiago Calvo
Nos últimos meses, a realidade da nosa rede eléctrica converteuse nun dos grandes temas de debate económico. España presume de liderar a transición enerxética en Europa, mais a infraestrutura que debería soportala está ó bordo do colapso. O dato é contundente: só se leva investido arredor do 20 % do comprometido co Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima. Isto significa que queda por diante un 80 % da modernización pendente.
As consecuencias son graves. Máis do 83 % dos nós da rede de distribución xa están saturados, o que impide conectar novas empresas, proxectos industriais ou mesmo puntos de recarga para vehículos eléctricos. Isto tradúcese en oportunidades perdidas: investimentos millonarios que marchan a outros países, enerxía renovable que se malgasta por non poder verterse ó sistema e un freo á competitividade da nosa economía.
As causas son múltiples. Por unha banda, Redeia e as distribuidoras levan anos investindo por debaixo das necesidades reais. Por outra, as regras de retribución fixadas pola CNMC non incentivan a acometer novos proxectos. A isto engádese a lentitude administrativa e a falta dun consenso político amplo sobre como reforzar a rede. En resumo: un cóctel que nos deixa cunha infraestrutura do século XX para unha economía que xa é do século XXI.
E que pasa en Galicia? O mapa de capacidade amosa contrastes claros. Provincias como Ourense ou Lugo teñen marxe de manobra, e no caso lucense só o 28,9 % da rede está ocupada. Pero noutras zonas a situación é moito máis axustada: A Coruña e Pontevedra presentan limitacións crecentes, e isto pode lastrar tanto proxectos industriais coma a implantación de novos centros de datos.
O reto é enorme: ou se acelera o investimento e se melloran os incentivos, ou Galicia e España perderán unha parte decisiva da transición enerxética. Non é só unha cuestión de luz, senón tamén de futuro económico.