Publicador de contidos

Publicador de contidos

Navantia Ferrol bota este xoves a primeira fragata da serie F-110, coa raíña Sofía como madriña

Navantia Ferrol bota este xoves a primeira fragata da serie F-110, coa raíña Sofía como madriña

Ao acto asistirán tamén Pedro Sánchez, Alfonso Rueda e Yolanda Díaz

Representan unha nova xeración de buques multipropósito con capacidades antiaéreas, antisubmarinas e antisuperficie

Navantia Navantia
G24.gal 11/09/2025 08:09 Última actualización 11/09/2025 13:07

O estaleiro de Navantia Ferrol acolle este xoves pola tarde a botadura da primeira fragata da serie F-110 para a Armada Española: A F-111 Bonifaz

A hora na que está previsto que o buque militar se desprace pola cama da bancada é 19:36, coincidindo coa preamar en augas da ría de Ferrol.

A cerimonia estará presidida polo presidente do Goberno central Pedro Sánchez, a quen acompañará a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social Yolanda Díaz, e exercerá como madriña a raíña Sofía. Tamén acudirá o presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda.

No acto previo a esa botadura, este xoves á mañá en Ferrol, a ministra de Defensa, Margarita Robles, destacaba o compromiso do Goberno para mellorar os equipamentos da Armada, pero ao mesmo tempo a importancia dun proxecto "bo para a industria, e a creación de empregos".

"É un éxito de todos, que cando hai compromisos e un obxectivo, o compromiso cúmprese", dixo Robles, quen destacou que "queríamos para a Armada o mellor", e coa botadura desta fragata asegurou que se facía realidade ese desexo.

"Ferrol, e Galica, vai seguir sendo ese lugar fundamental para as Forzas Armadas", dixo a ministra, quen agradeceu "aos homes e mulleres, anónimos, que non buscan a foto, que traballan por unha Galicia e unha España cada día mellor".

Bautizada como Bonifaz, en recordo do histórico militar e mariño castelán do século XIII, esta unidade é a primeira dunha serie de cinco que incorporan un salto cualitativo en tecnoloxía e capacidade naval, xa que as fragatas F-110 representan unha nova xeración de buques multipropósito con capacidades antiaéreas, antisubmarinas e antisuperficie, e marcan un antes e un despois na operatividade da Armada Española.

Este buque non só é tecnoloxicamente avanzado, senón que tamén está deseñado para abordar eficazmente os desafíos da contorna marítima actual e futura. Os seus sistemas a bordo foron concibidos para optimizar recursos e reforzar a autonomía estratéxica de España.

Un dos sistemas máis destacados é o chamado xemelgo dixital, unha réplica virtual do buque que se actualiza en tempo real. Esta tecnoloxía permite a toma de decisións, optimiza o mantemento ao anticipar fallos e mellora a formación da tripulación a través de simulacións precisas.

O Sistema Integrado de Servizos (ISS) mellora a experiencia a bordo, integrando a iluminación, as comunicacións internas, o circuíto pechado de televisión e outros sensores nunha única arquitectura intelixente, o cal reduce o cableado e mellora a calidade de vida da tripulación.

Modo silencioso

Pola súa banda, a propulsión híbrida (sistema CODLAG) permite ao buque operar en modo silencioso, ideal para misións antisubmarinas, e reduce a súa pegada ambiental.

O deseño das fragatas F-110 tamén inclúe un espazo multimisión configurable, que lle outorga unha gran flexibilidade táctica para a despregadura de vehículos non tripulados, a integración de módulos de misión e o apoio a misións de seguridade civil.

Ademais, un mastro integrado agrupa as principais antenas, reducindo o radar do buque e simplificando o mantemento dos sensores.

Para asegurar a autonomía loxística, a fragata incorpora fabricación aditiva, con impresoras 3D a bordo, o cal permite a produción de repostos en tempo real e minimiza os tempos de espera e a dependencia de cadeas loxísticas externas.

Finalmente, o Sistema de Combate SCOMBA, desenvolto por Navantia, integra todas as capacidades de combate do buque, facilitando a interoperabilidade con outras unidades e buques de países aliados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade