O cineasta Óliver Laxe opta por primeira vez á Palma de Ouro en Cannes
España só acadou o máximo galardón en 1961 con Viridiana de Luis Buñuel
O conselleiro de Cultura tamén eloxiou desde Cannes o bo momento do noso cinema
Este ano o Festival de Cannes ten sabor galego. O director franco-galego Óliver Laxe chega a Cannes pola porta grande na sección oficial do festival. O seu último filme, Sirat, é un dos dezanove que optan á Palma de Ouro. Lembramos que España só acadou o máximo galardón en 1961 con Viridiana de Luis Buñuel.
Sergi López é o protagonista. Interpreta un pai que busca polo deserto de Marrocos a súa filla, desaparecida tras unha rave. Unha aventura chea de riscos e ameazas que lle confiren á historia un ritmo frenético.
O conselleiro de Cultura, José López Campos, tamén eloxiou desde Cannes o bo momento do noso cinema.
Óliver Laxe coñece ben o certame francés porque todas as súas películas pasaron por aquí, pero ata agora nunca aspirara á Palma de Ouro, que oxalá desta volta, veña para a casa.