Publicador de contidos

Publicador de contidos

O CIMUS investiga vacinas nasais para as enfermidades respiratorias

O CIMUS investiga vacinas nasais para as enfermidades respiratorias

As vacinas nasais terían maior efectividade ca as inxectables por actuar desde o tracto respiratorio superior

É un proxecto de investigación a medio prazo, ata 2028

G24.gal 27/04/2024 13:49 Última actualización 27/04/2024 14:28

A investigación para combater as enfermidades respiratorias e evitar a súa propagación é un dos campos nos que traballa o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, da Universidade de Santiago. Desde hai un ano investigan xunto con outros seis países da Unión Europea, Reino Unido e Suíza o desenvolvemento de vacinas nasais contra infeccións bacterianas e para a prevención da covid e da gripe

O obxectivo desta investigación do CIMUS é crear unha alternativa ás vacinas que se administran por inxección intramuscular ou subcutánea e que vaian dirixidas directamente ás infeccións respiratorias máis agresivas, como o pneumococo e a tose ferina, ademais da covid e da gripe.

"Nestes casos administrar as vacinas por vía nasal significaría empregar a vía pola que entran os mesmos patóxenos. Entón a resposta inmune do corpo sería máis axeitada e poderiamos previr a enfermidade e limitar a transmisión entre persoas", asegura Noémi Csaba, investigadora do CIMUS. 

Estas vacinas poderían aumentar a eficacia das actuais porque impedirían a colonización e transmisión actuando xa no tracto respiratorio superior. 

"Por exemplo a administración por vía nasal é menos complexa, a produción é un pouco máis sinxela por non tratarse dun inxectable que ten uns controis de calidade e esterilidade. O proceso de fabricación destes é moi esixente, ten que cumprir uns requisitos moi estritos. A fabricación da vacina para a vía nasal tería un custo máis eficiente e a administración tamén o sería", explica a investigadora.

O consorcio europeo Nosevac que desenvolve estas vacinas traballará ata 2028 no proxecto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade