O Celta recibe mañá ao Atlético (21h) logo de acadar a primeira vitoria da temporada
Coa tranquilidade do triunfo sobre o PAOK, os vigueses enfróntanse a un rival enrachado
Tardou pero coa primeira vitoria no peto, vitoria histórica no regreso de Balaídos a Europa, o Celta colle pulo para replicar na liga o conseguido ante o Paok.
Chega mañá a Balaídos o Atlético de Madrid. E un Celta que comeza a recuperar sensacións xa pode tirar da confianza que lle deu sobrepoñerse a un gol na contra no partido do xoves. A identidade celeste está de volta.
Claudio Giráldez compareceu na previa do partido para confirmar que recupera a Carreira de cara á convocatoria de mañá. Hugo Sotelo e Javi Rueda arrastran molestias.
Sobre o partido de mañá, indicou que "é un luxo enfrontarse cun rival como o Atlético de Madrid, o equipo máis en forma de Europa neste momento. Son quen de xogar moitos partidos nun so"
Sobre o partido, Claudio gabou a Damián, que fixo un gran partido contra o Paok, indicando que está a ser inxusto con algúns dos seus futbolistas, porque non teñen tantos minutos como merecen.
O técnico conta con Iago tamén contra o Atlético. "Sempre temos presente darlle minutos a Iago, pero hai que asumir que non pode estar sempre no campo."
"Nin antes eramos tan malos nin agora somos tan bos. Hai que saber o que facemos ben, e hai que acertar", concluíu o técnico.