O Celta intentará pechar a primeira volta en Sevilla en zona europea
Os de Giráldez visitan mañá o Sánchez Pizjuán (21:00h)
Claudio lembrou na previa que o obxectivo principal segue a ser a permanencia
A décimonovena xornada na primeira división, a última da primeira volta, péchase mañá no Sánchez Pizjuán coa visita do Celta. O equipo celeste realizou este mañá a última sesión de traballo.
O adestramento tivo lugar en Afouteza, no medio dunha intensa néboa. Sen ningún xogador mancado, Giráldez terá que facer catro descartes para esta convocatoria. Finaliza a primeira parte da competición, e aínda que os números poidan convidar a pensar en Europa, máis se puntúan en Sevilla, o técnico celeste agárrase á cautela. Na previa afirmou que o obxectivo segue a ser a permanencia, aínda que o equipo leve unha boa colleita de puntos.
En todo caso, o técnico non esquiva que a situación do club arestora é envexable: Era imposible imaxinar o que temos agora, o que estamos acadando. Estamos a cumprir un soño, e traballando todos arreo para facelo", indicou na previa.
Sobre o Sevilla, ten claro o seu potencial: "É un rival ferido, cun gran nivel. Un equipo moi físico."
Por último, insistiu en que "temos que seguir construíndo. O noso tope está por chegar. Vexo situacións que me fan estar tranquilo", rematou.