O Celta Fortuna tomba ao Real Madrid Castela en Balaídos (1-0)
Bernard Somuah decidiu o choque cun gol aos nove minutos
Os vigueses aguantaron a renda contra un rival que acabou con dez
O Celta marcha á parada polo nadal con 33 puntos, logo de acadar unha importante vitoria no duelo de filiais en Balaídos diante do Castela, que chegaba na cuarta praza da táboa.
O primeiro aviso foi do Castela, cun remate de Leiva desde a frontal que obrigou a facer un paradón a Coke Carrillo. Pero o Celta Fortuna reaccionou, e de que xeito: un roubo no centro do campo posibilitou un gran pase entre liñas a Somuah. O dianteiro definiu á perfección no man a man para abrir a conta. Era o minuto 9 de partido.
O filial madridista intentou buscar a igualada pero, máis aló dunha cabezada defectuosa de Leiva, o que lle deixou foron espazos aos vigueses, que puideron amplia-la vantaxe. Primeiro Somuah cabeceou sen precisión un centro. Despois, Ángel Arcos disparou desde a frontal obrigando á estirada de Fran González. E, xa no tempo engadido, outra incorporación ao ataque de Joel López culminaba cun remate desviado a córner.
A segunda metade comezaba cun penalti a prol do Castela asubiado por García Riesgo pero, logo de revisar a acción, o árbitro botouse atrás. O Castela saiu algo mellor, e Fortea tivo outra ocasión, que rematou arriba. E outra boa ocasión dos madrileños neste treito protagonizouna Mesonero, cun remate fóra.
Pero o Fortuna estaba cómodo, e dipuxo tamén das súas opcións para matar o partido. Non a aproveitou Burcio, cun pase da morte que non chegou a destino, e Ángel Arcos deixou mostra da súa enorme calidade cunha xogada persoal que sacou Fran González. Todo isto ants da expulsión de Manuel Ángel por dobre cartón.
Pero, malia á inferioridade, o Castela tivo unha clarísima nun man a man de Jacobo que lle detivo Coke de xeito maxistral. Xusto a seguir, Álvaro Marín pecou de individualista e rematou coa chegada so de Angelito no segundo pau.
Aínda quedaba o susto final. Un remate que se estrelou no pau no tempo engadido; o rexeitamento caéulle a Jacobo, aparentemente so. O seu remate tocouno de xeito milagreiro Jaime Vázquez, bateu no pau e perdeuse a córner. O partido esmorecía, e os tres puntos quedaban en Vigo. O Celta FOrtuna marcha de vacacións asentado nos postos de promoción con 33 puntos.