O Celta Fortuna salva un punto no último minuto en Talavera (1-1)
O filial sentiuse como o tempo, conxelado, agás ao final
Arturo Molina adiantou aos locais, nun erro de Coke
Ángel Arcos empatou no minuto 89
A de Talavera era unha tarde desas que conxelan o nariz e tamén as ideas. Así a sentiu o Celta Fortuna que saiu disposto a dominar, a ter posesión, a ser o equipo eléctrico de sempre, pero topou cun Talavera ben pertrechado, que smpre lle negou as transicións. E máis aínda, se alguén correu na primeira parte ese foi o cadro local.
No primeiro tempo, estiveron mellor os locais. Impuxeron a súa idea. Avisaron aos 12 minutos por medio de Marcos Moreno e golpearon no 23, nunha acción persoal de Arturo Molina. Coke, o porteiro celeste buscou un centro que nunca chegou. Arturo Molina golpeou desde o costado, directo. De aí e ata o intermedio, mellor os locais. Que volveron ter outra que salvou baixo paos Meixús. O filial estaba como conxelado.
No segundo tempo, Fredi tratou de darlle unha volta, a todo. Tanto en disposición táctica, como de intensidade. Pero o caso é que foi o Talavera o que comezou foi con outro aviso de Arturo Molina. E logo seguiu con outro de Edu Gallardo. O Fortuna seguía sen verse cómodo e polo seu primeiro tiro a porta houbo que agardar ata o minuto 59 (Somuah). E logo vimos un de Antañón, no 79. Sempre incómodo.
O Celta mellorou cara nos intres finais. Meteu atrás o Talavera e o asedio deu para o tanto do empate. Foi tras unha gran deixada de Óscar Marcos para Ángel Arcos. Nunha labazada, o Fortuna arranxou o partido. E aínda lle quedaron forzas na compensación para pedir dous penaltis que o colexiado non concedeu. Porque así é este filial, eléctrico, imprevisible.