O Celta celebra o seu centenario: “Un equipo cos valores e coas cores de Galicia”
Mouriño: "Ser un club de Vigo para todos os galegos. Por outros cen anos... afouteza e corazón"
Os actos máis festivos terán lugar o venres, na previa do partido de Liga ante o Real Madrid
Na Afouteza celebrouse un acto conmemorativo xunto a unha ampla representación social e institucional. Alí subiu Carlos Mouriño ao estrado para manifestar que "cada un dos nosos afeccionados, ao longo destes 100 anos de vida, ten 100 historias que contar. Somos unha infinidade de fermosas e tristes historias. As fermosas nos enorgullecen. As tristes uníronnos”.
Os actos máis festivos terán lugar o venres, na previa do partido de Liga ante o Real Madrid (Abanca Balaídos, 21:30 horas), cunha festa moi similar á que o club celebrou a comezos deste ano nos arredores do estadio.
Haberá unha serie de actividades para todas as idades: animación infantil, pintacaras, inchables, batukada etc. Ademais, dous grupos musicais, vellos coñecidos de todo o celtismo e do panorama musical galego, animarán nas horas previas á entrada no estadio para empezar o encontro cos ánimos ben arriba. Dakidarría e Keltoi! son os invitados de honra para esta gran festa celeste.