O Celta B leva o derbi co Racing cun gol de penalti (1-0)
Iker Losada fixo o único gol logo dunha pena máxima asubiada a Manzanara sobre Barcia
O Celta B sitúase a catro puntos do Racing na clasificación
O cambio de ano non mudou as dinámicas opostas que levan o Celta B e o Racing de Ferrol.
Pouco público en Balaídos para este primeiro derbi do ano, que foi de dixestión moi lenta. Na primeira parte faltaron propostas e impuxéronse as defensas.
Claudio Giráldez non puido contar con dous mediocentros básicos por lesión: Hugo Sotelo e Martín Calderón. E no Racing Cristóbal probou cambios. Por vez primeira Héber Pena foi suplente, e por vez primeira Manu Justo e Joselu estiveron xuntos no ataque. Non lle resultou ben a proba.
Despois do descanso empezaron a mover banco os dous adestradores. O cambio que máis afectou ao partido foi a entrada de Héber. Cos centros, chegada e disparos do naronés, o equipo ferrolán gañou profundidade e opcións de vitoria en Balaídos.
Canto máis medraban os visitantes, unha xogada a balón parado acabou inclinando a balanza a prol dos locais. O árbitro indicou penalti nesta acción de Manzanara con Barcia nun corner. Cartón amarelo para o defensor, e opción dende os once metros que aproveiotu Iker Losada. Sexto gol da temporada para o de Catoira.
A terceira vitoria consecutiva para o Celta B, que con estes pasos de xigante se achega á zona de privilexio. O Racing intentouno ata o final, pero sen acerto.