O Celta B gáñalle ao Sanse e colócase na fase de ascenso (0-1)
Raúl Blanco marcou o único gol a dez minutos do final
O Celta B volve a postos de playoff, á espera do que faga o Córdoba, logo do seu triunfo pola mínima en San Sebastián de los Reyes. O dominio inicial dos locais foi un espellismo. O filial celeste superou sen atrancos eses minutos e pouco a pouco fíxose co control do partido. Mesmo puido chegar ao descanso con vantaxe, logo dunha dobre oportunidade dun moi activo Pablo Durán e de Iván López. Foi o anticipo do que ía suceder nun segundo tempo no que só a grande actuación do gardameta local, Pedro López, impediu un triunfo máis cómodo para os de Claudio Giráldez. As ocasións sucedíanse unha tras outra. Iker Losada e Lautaro gozaron das máis claras, frustrados polo porteiro do conxunto madrileño.
Finalmente, o premio chegou nunha contra moi ben levada por Pablo Durán no minuto 79. O seu centro foi rematado por Raúl Blanco, incorporado ao encontro pouco antes, para facer o único gol do encontro. Tras poñerse en vantaxe, o Celta B non sufriu, e incluso gozou dalgunha opción clara para sentenciar. Tincho rematou desviado no engadido dun choque no que os tres puntos foron para o mellor en Matapiñonera.