O Celta B consegue empatar un 0-2 cun xogador menos
O San Fernando adiantouse cos goles de Ilyas Chaira e Gabarre
Xogando con 10 desde o minuto 30 por expulsión de Miguel Rodríguez, Pablo Durán e San Bartolomé acadaron o empate
O Celta B non puido asaltar o postos de play off de ascenso logo de empatar a dous goles contra o San Fernando en Balaídos. Pero o filial celeste pode dar o resultado por bo, logo dun accidentado partido que comezou perdendo logo dun madrugador tanto de Ilyas Chaira, que aproveitou un erro na saída do balón desde atrás. So ían seis minutos de partido.
Para colmo, o Celta B ía quedar con dez á media hora. Unha entrada de Miguel Rodríguez no campo gaditano, cun esvarón do celeste que pisou no calcaño dun rival, condenou os de Giráldez, sancionado na bancada, a xogar en inferioridade durante unha hora.
Co 0-1 chegouse ao descanso, pero a situación ía empeorar axiña. Gabarre remataba co calcaño ao fondo das redes un servizo desde a esquerda, establecendo o 0-2 a prol do equipo visitante. Pero o Celta B reaccionou axiña, e no minuto 55, tres despois do segundo gol, acurtaba diferenzas por medio de Pablo Durán.
O empate final estableceuno San Bartolomé mediado o segundo tempo. O San Fernando acabou meténdolles presión aos celestes, que aguantaron o resultado e sumaron un punto co que remataban o sábado igualados co Rácing, que ocupa posto de promoción de ascenso.