O caudal do río Arenteiro alcanza valores históricos
Desbordouse en varias zonas, arrasando coa terraza do Muíño das Lousas
No Avia tamén se activou a prealerta polas crecidas
Hoxe é día de reparacións no Muíño das Lousas. Mañá xantan aí as directivas do Club Deportivo Arenteiro e do Atlético de Madrid, que se enfrontan na segunda rolda da Copa do Rei, e este é o estado en que quedou a terraza do restaurante tras o paso dun río Arenteiro que onte baixou cun caudal de ata 100 metros cúbicos por segundo, 97 por riba do normal.
Os veciños están asombrados. Hai moitos anos, din, que non vían o río así. "Nunca vin o río tan seco coma este ano, nin con tanta auga coma este ano. Só hai 35 anos ou así". "Unha barbaridade. Eu nunca vin tanta auga xunta neste río tan pequeno", comentan.
Inundacións
O río inundou as instalacións da piscifactoría, provocando avarías nos aparellos eléctricos, e fixo rebordar un dos tanques de cría, de maneira que as troitas volveron ao seu hábitat natural no río Arenteiro. Tamén houbo desbordamentos nas inmediacións do balneario, sen que se producisen máis danos que a deterioración dos paseos fluviais, que seguen co acceso restrinxido nas zonas máis perigosas.
Francisco Valeiras, xefe da Policía Local do Carballiño: "Hai zonas que seguen perigosas, porque o río segue crecido. Hoxe non é o día para andar polos paseos fluviais, desde logo".
O río Avia tamén chegou ao nivel de activación polo risco de desbordamento nas zonas habituais. O caudal en Leiro é aínda hoxe de 80 metros cúbicos por segundo, e de 97 en Ribadavia.